Portonovo e Sanxenxo estrean viaxes regulares ata as illas Cíes
Por Redacción
A partir desta fin de semana, os portos de Sanxenxo e Portonovo terán unha nova liña regular de transporte en barco ata as illas Cíes. Será operada pola navieira Mar de Ons.
A saída desde o porto de Sanxenxo terá lugar ás 11.15 horas, desde o porto de Portonovo ás 11.30 horas e o regreso das illas será ás 19.45 horas.
As viaxes terán lugar de forma intermitente durante os meses de xullo e agosto. En concreto, durante o mes de xullo haberá viaxes esta fin de semana -18 e 19 de xullo- e do 25 ao 30 (ambos inclusive) e durante o mes de agosto todos os días menos os venres.
As illas Cíes teñen unha cota limitada de visitas ao día de 1.800 persoas. Para poder visitalas é necesario retirar antes na central de reservas da Xunta de Galicia a autorización correspondente necesaria tanto para desembarcar como para adquirir o billete de barco.
Este paso é previo á compra do billete e unha vez obtida tense dúas horas para completar a compra do billete de transporte. As autorizacións pódense tramitar con 45 días de antelación.
Os prezos dos billetes para viaxar ás Illas Cíes desde estes dous portos é de 25 euros os adultos e de 10 euros para os nenos con idades comprendidas entre os 5 e os 12 anos. O prezo do billete online dos nenos menores de 5 anos é gratuíto.
Desde a compañía aseguran que se adoptaron todas as medidas de seguridade e hixiene a bordo das embarcacións para garantir a saúde de viaxeiros e traballadores. Así, incrementáronse os labores de limpeza e desinfección a bordo dos barcos e o uso das máscaras a bordo será obrigatorio.
Relacionadas:
-
RADIO.- "A xente segue tendo ideas moi raras sobre as praias nudistas"
Por Marisa Ciordia |
-
A ausencia de limitación de aforo no transporte marítimo xera queixas entre viaxeiros a Ons
Por Marisa Ciordia |
-
Silgar acolle un plan piloto de aluguer de cadeiras e antucas e recibe as críticas da oposición do goberno local
Por Redacción |