A parroquia de San Salvador recollerá firmas para demandar solución ao ilóxico servizo de Bombeiros
Por Redacción
O incendio de dous contedores e de dous turismos na rúa Oliveira de San Salvador de Poio durante a madrugada do pasado luns é a pinga que sobrou a paciencia dos seus veciños. Dúas circunstancias xeran o seu malestar: a falta de seguridade e vixiancia nocturna na contorna do parque Ánkar e un ilóxico servizo de Bombeiros, que a pesar de ter un centro a escasos minutos, as emerxencias son atendidas desde Sanxenxo ou Salnés.
No que respecta ao primeiro motivo, reiteran a necesidade de que o Concello dispoña patrullas nocturnas de Policía Local: "seguimos dependendo da Garda Civil" sinala Tesi Baquero, tesoureira da Asociación Veciñal de San Salvador. Unha presenza policial nocturna consideran que sería motivo disuasorio ou de erradicación dos botellóns que cada semana repítense no parque e que "molestan polo volume da música, polo lixo e cristais que deixan ou por derivar en actos vandálicos como o ocorrido esta semana".
Falan de acto vandálico e sitúano neste botellón porque hai veciños que "viron a varios mozos dándolles patadas aos contedores" explica Ana Gulías, propietaria dun Kía que ardeu no sinistro. Ela, explica, espertouse sobre as catro da madrugada ao escoitar ruídos, "ao levantar a persiana ví unha cortina de fume e chamas de metros de altura". Nese momento xa ardían os contedores e o primeiro vehículo afectado. Impotente ata a chegada de bombeiros, o seu tamén quedou calcinado; e un terceiro vehículo evitou o lume, xa que o seu propietario puido retiralo.
Ambas coinciden en apuntar o incongruente que resulta para estes veciños "que teñamos un parque de Bombeiros a escasos minutos e que teñan que atender unha emerxencia desde Sanxenxo ou Salnés". Por iso apelan ao Concello de Poio a que tamén faga as pertinentes xestiones con Pontevedra e Deputación para que "nos atenda o parque o Bombeiros que temos á beira".
Ademais da denuncia pública de ambas as tesituras, a Asociación Veciñal de San Salvador está a organizar unha recollida de firmas que trasladarán ao Concello. Iniciativa que están a preparar de forma que se cumpran os protocolos de seguridade e hixiene que require a pandemia do coronavirus. Esta circunstancia é a que fixo que descarten a vía da protesta na rúa.
Relacionadas:
-
O Concello de Poio ofrece a vía do diálogo á Asociación Veciñal de San Salvador para expoñer as súas queixas
Por Redacción |
-
O PP pide á Deputación que negocie a "fundamental" comarcalización do parque de bombeiros de Pontevedra
Por Redacción |
-
Moldes pide ao Concello de Poio que garanta a cobertura dos bombeiros "antes de que sexa demasiado tarde"
Por Redacción |
-
Un incendio calcina dous colectores de lixo e dous turismos aparcados en Poio
Por Redacción |