O BNG festexa o Día da Patria en Pontevedra cun acto no Parque Rosalía de Castro
Por Redacción & Cristina Saiz
As sete cidades galegas acolleron festexos polo 25 de xullo, Día da Patria Galega, organizados polo BNG, e Pontevedra non foi unha excepción.
A Covid-19 obrigou a reformular os actos, deixando para outra ocasión a tradicional e multitudinaria manifestación polas rúas de Santiago de Compostela. En lugar diso cada comarca contou co seu espazo para celebrar o orgullo de ser galego, e o de Pontevedra foi nun lugar aberto e amplo como o Parque de Rosalía de Castro, a beiras do río Lérez.
Con cadeiras e mantendo a distancia de seguridade, responsables do Bloque Nacionalista Galego a nivel local e comarcal estiveron no evento, organizado para as comarcas de Pontevedra, Caldas, O Salnés e O Morrazo.
Os deputados Luís Bará e Montse Prado, a responsable comarcal de Galiza Nova Marta Gómez e a poetisa Miriam Ferradás dirixíronse aos asistentes.
Ademais a través dunha pantalla foi posible seguir o acto central, na compostelá Praza da Quintana, onde interveu a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.