Aberta a Oficina Municipal da Área de Rehabilitación Integral (ARI) en Caldas para tramitar as novas axudas
Por Redacción
As persoas interesadas na rehabilitación de vivendas e edificios na área de Rehabilitación Integral (ARI) de Caldas de Reis xa poden realizar as súas consultas na Oficina Municipal do ARI situada na Casa do Concello.
Este servizo realízase todos os martes e xoves en horario de 08.00 a 14.00 horas previa solicitude de cita no teléfono 986.540.002. Trátase da segunda fase dun programa que se desenvolve tras a firma dun convenio entre o Concello, o Ministerio de Fomento e o Instituto Galego de Vivenda e Solo.
Na primeira fase rehabilitáronse 22 vivendas do centro histórico e para esta segunda etapa espérase a restauración de ao redor de 40 edificios, cun custo de 360.000 euros para estas actuacións de mellora.
Na Oficina do ARI se asesora e informa as persoas interesadas, ademais de rexistrar as intervencións nas vivendas. Tamén se encarga de xestionar as visitas técnicas a estes espazos para analizar que actuacións poden acollerse ás axudas.
As persoas solicitantes deberán ser propietarias, arrendatarias ou titulares dalgún dereito sobre as vivendas a rehabilitar que se atopen dentro da área marcada no municipio. Subvenciónanse as obras de mellora da eficiencia enerxética, de conservación e de mellora de accesibilidade e da seguridade, ademais do mantemento en vivendas unifamiliares e edificios, tanto no interior como en elementos fixos e zonas comúns.
Os proxectos contarán cunha bonificación do 95% no Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras. A liña de subvencións está aberta ata un máximo de 469 vivendas.