Seixo recupera o seu mercado ambulante este luns
Por Redacción
Seixo recupera o seu mercado ambulante. A partir deste luns, os vendedores ambulantes volverán a esta parroquia marinense para vender os seus produtos cada semana. O mercadillo suspendeuse no 2015, pero a petición trasladada ao Concello pola asociación de comerciantes ACEMAS fixo posible a súa recuperación.
O vindeiro luns pola mañá retomará a súa actividade e terá neste día a súa celebración semanal. “Era o día da semana que mellor lles viña aos vendedores para poder colocar o posto”, asegurou a concelleira de Comercio, Cristina Acuña, despois da reunión mantida cos comerciantes.
En total, colocaranse 17 postos que foron repartidos entre os vendedores que xa conseguiran un posto no sorteo que se realizou no 2015, cando o mercadillo púxose en marcha por vez primeira, aínda que despois quedase paralizada a súa actividade.
A diferenza con respecto a aquel ano será a localización. "No canto de montar os postos no Camiño Vello, o mercadillo colocarase na Alameda da Casa de Cultura. Este espazo non puido ser utilizado no 2015 porque existían unhas estruturas de madeira que impedían a distribución dos postos, pero tras a remodelación da Alameda, resolveuse este problema e así podemos situar nela o mercadillo”, explicou Acuña.
De feito, durante a mañá do venres os operarios do Concello xa comezaron a delinear os espazos para os diferentes postos.
A Asociación de Comerciantes Marín Sur incluíu a reactivación do mercadillo na parroquia marinense entre as súas demandas para o Plan de Reactivación Local do Comercio que o Concello está a aplicar para paliar os efectos económicos derivados da crise sanitaria da Covid-19.