O conselleiro de Turismo asegura que "en Galicia estamos a resistir dun modo relativamente positivo"
Por Oskar Viéitez
O conselleiro de Turismo en funcións, Román Rodríguez, asegurou que "en Galicia estamos a resistir dun modo relativamente positivo" a pesar de que "non temos os datos que nos gustaría" neste verán de 2020.
Román Rodríguez mostrouse confiado en que "se a tendencia mantense" o sector turístico galego poderá saír "máis ou menos airoso" desta tempada.
O conselleiro fixo estas declaracións durante unha visita oficial ao hotel Villa Covelo, localizado no municipio de Poio. Trátase dun dos negocios adheridos á iniciativa do Bono Turístico impulsada pola Xunta de Galicia en colaboración coa Clúster galega de Turismo e que tivo unha acollida "tremendamente positiva" durante os primeiros 15 días de dispoñibilidade. Pódese solicitar o bono ata o mes de novembro.
Segundo o conselleiro unhas 10.300 persoas solicitaron o Bono Turístico en tan só dúas semanas cubrindo o 50% das prazas ofertadas. A iniciativa está dotada con 5 millóns de euros.
Isto supón unha "inxección de liquidez moi importante" para un sector que dá emprego en Galicia a unhas 120.000 persoas e xera preto do 10% do PIB da Comunidade, segundo sinalou Román Rodríguez.
Este Bono Turístico esta destinado a uns 20.000 traballadores do ámbito sanitario e sociosanitario que loitaron en primeira liña contra a pandemia da Covid-19 e que recibiron unha tarxeta prepago da entidade Abanca con valor de 250 euros, que poden trocar en calquera das 320 empresas adheridas ao Bono Turístico ata o día 15 de decembro.
PREVISIÓNS PARA AGOSTO
Acompañando ao conselleiro nesta visita estaba o presidente da Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, que valorou que "as cifras do mes de xullo foron boas, relativamente" aínda que recoñece que "o sector empresarial quería máis, pensando no que podía ser e non foi".
Cesáreo Pardal indicou con resignación que nestes momentos "cando abrimos os nosos establecementos xa é un éxito" e insistiu na "volatilidade" que sofren as reservas coa epidemia do coronavirus xa que "no momento no que se desata un caso as anulacións son continuas".
A estimación para o mes de agosto móvese nunha horquilla entre o 60 e un 65% de ocupación, segundo os datos que manexa a Clúster de Turismo de Galicia. "O que está ben, para o momento que estamos a vivir", comentou Pardal "estamos a resistir fronte a outras comunidades", engadiu.
"Este ano tratamos de salvar a campaña e que os gastos sexan iguais aos ingresos", ese é o obxectivo para este exercicio segundo o presidente da Clúster do Turismo de Galicia.
O conselleiro de Turismo, Román Rodríguez, comentou que está a ser "moi baixa, case nula" a presenza de turistas estranxeiros e percíbese que "nas zonas de costa e rurais de interior hai uns niveis de ocupación aceptables" mentres que "nas zonas urbanas a ocupación e a demanda turística é máis baixa".
Román Rodríguez espera que durante a tempada baixa, a partir do mes de setembro, "se manteña un nivel de demanda mínimo que permita salvar as estruturas empresariais e salvar tamén o emprego".
Relacionadas:
-
Combarro e Pontevedra acollen a campaña itinerante da Xunta para fomentar o turismo seguro
Por Redacción |
-
A ocupación hoteleira en Poio sitúase no 70% durante a primeira quincena de agosto
Por Redacción |
-
Os soportes dixitais posiciónanse como os mellores aliados para a campaña turística 'Segue ou teu instinto' da Deputación
Por Redacción |
-
Galicia e o Camiño de Santiago posiciónanse como destinos seguros
Por Redacción |
-
Sanxenxo felicita aos hostaleiros por alcanzar un 50% de ocupación nun ano tan difícil
Por Redacción |
-
Poio, próximo á metade da ocupación hoteleira en xullo grazas ás casas rurais
Por Redacción |