O Plan de Eficiencia Enerxética de Cerdedo-Cotobade chega á cuarta fase con actuacións en 20 aldeas de Cerdedo
Por Redacción
O Plan de Eficiencia Enerxética de Cerdedo-Cotobade chega á súa cuarta fase. O Concello sacou a licitación esta cuarta fase, na que continuará no territorio de Cerdedo. Neste caso, ten previsto cambiar 269 puntos de luz de 20 aldeas que se atopan en malas condicións e que teñen un elevado consumo por outros de tecnoloxía Led que dispoñen de máis luminosidade e durabilidade e xeran menos gasto.
A mesa de contratación reunirase a vindeira semana, o martes 25, para comezar a analizar e baremar as ofertas presentadas. Trátase dun proxecto cun investimento de 100.000 euros que será cofinanciado co Fondo de Compensación Ambiental (FCA) da Xunta de Galicia e o Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
O investimento realizarase nos lugares de Laxoso, A Devesa-Barbeira, Serrapio, Figueroa, Loureiro, Framil-Verdia, Insua-Milladoiro, Parada-Mouteira, Cachofés-Casal, Covas, Outeiro-Quinta, Cernados, Revolta e Vilariño
Esta actuación consistirá na renovación da tecnoloxía das luminarias e na instalación de reloxos astronómicos nas 269 farolas, o que permitirá axustar o seu horario de funcionamento á luz solar para acadar unha maior eficiencia e, só deste xeito, aforrar 178 horas anuais de acendido.
Ademais, e co menor tirón das novas luces, o consumo diminuirá en case un 50%, pasando dos 101.000 kwh anuais da actualidade a apenas 51.424. Así mesmo, as emisións de dióxido de carbono cara a atmósfera reduciranse en 17 toneladas por exercicio.
As tres fases anteriores deste plan de eficiencia enerxética mudaron nos tres últimos anos un total de 363 luminarias nos lugares de Vilarchán, Mamoalba, Cuiña, Bugarín, Castro do Medio, Castro do Cabo, Deán, Figueroa, Pedre, Tomonde, Vilalén, Piñeiro, Os Castros, Tres Aldeas, Fondós e Outeiro permitindo un aforro estimado dun 60% na factura eléctrica municipal correspondente con estas zonas.
Cando estea rematada a cuarta fase, presumiblemente antes de finais de ano, o Concello terá cambiado un total de 632 luminarias de 36 lugares do territorio de Cerdedo, o que supón o 70% das aldeas do mesmo, e ademais acadarase unha importante redución do consumo que, nas aldeas cos sistemas renovados, pasará de 279.000 kwh anuais a só 122.000.
Relacionadas:
-
Remodelan a casa consistorial de Cerdedo para mellorar a súa accesibilidade
Por Redacción |
-
O Concello licitou neste ano uns 30 investimentos e servizos públicos por máis de 2,2 millóns de euros
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade implanta sistemas de eficiencia na iluminación de Quireza e Vilalén
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade afronta a segunda fase da rehabilitación de lavadoiros e das accións de aforro enerxético
Por Redacción |