Vilagarcía seleccionará 16 persoas para formarse como socorristas e especialistas en mantemento forestal
Por Redacción
Nas próximas semanas, o Concello de Vilagarcía comezará a seleccionar ao alumnado e ao persoal docente e directivo que participará na nova edición do Obradoiro de Emprego Labora Xove.
16 mozos, oito en cada módulo, formaranse para obter o certificado de profesional nas especialidades de socorrismo en espazos acuáticos e goberno de embarcacións de salvamento; e de mantemento de zonas verdes e aproveitamento forestal.
Este taller de formación terá unha duración dun ano. Durante eses 12 meses, os participantes estarán contratados e percibirán os salarios correspondentes establecidos pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.
No caso de socorrismo, o alumnado realizará asistencia operativa ao servizo municipal de Emerxencias e á Fundación Municipal de Deportes en actividades de socorrismo en espazos naturais co uso de embarcacións para o salvamento e nas instalacións municipais.
Na outra especialidade, os participantes realizarán tarefas de conservación e mantemento de xardíns e espazos públicos naturais con aproveitamento forestal, zonas forestais municipais e espazos de gran valor ambiental e natural, con colaboracións cos servizos municipais de Xardíns e Medio Ambiente.
O Servizo Público de Emprego será o que remita a lista de candidatos que reúnan os requisitos establecidos para este tipo de obradoiros de formación. Os aspirantes deberán estar rexistrados no rexistro do Sistema de Garantía Xuvenil e cun itinerario de inserción laboral nas especialidades que se imparten.
A subvención aprobada pola Xunta para estas actividades é de máis de 369.000 euros e o Concello sumará 25.000 máis de fondos propios para a posta en marcha dos obradoiros.