Vilagarcía pide á Xunta que pague 12 socorristas este verán, catro máis dos autorizados os últimos anos
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía de Arousa solicitará á Xunta de Galicia a contratación de 12 socorristas para prestar o servizo de praias do municipio durante a temporada de verán. A cifra é a mesma que levan solicitando varios anos, pero o goberno galego non lla concedeu. Así, estas 12 contratacións supoñen catro prazas máis que as autorizadas nas últimas tempadas.
A Xunta de Goberno acordou na reunión celebrada este luns solicitar á Xunta estes 12 contratos a xornada completa e polo período de 3 meses, o máximo que permite a orde que regula as subvencións. Para isto solicítase unha subvención de 54.000 euros aos que o Concello deberá achegar 4.670 euros máis.
Nos últimas anos, a Xunta sempre acabou concedendo menos persoal e con contratos de menor duración, polo que o Concello tivo que asumir os custes correspondentes para garantir a cobertura do servizo de vixilancia e socorrismo nos tres areais do municipio: O Campanario, Preguntoiro e A Concha-Compostela.
En concreto, nos últimos anos só se concederon 8 prazas por 2 meses. Esta situación provocou que o Concello tivese que ampliar a súa achega ao plan, asumindo o custo de ampliación da duración deses 8 contratos un mes máis e, a maiores, contratar directamente a outros 4 socorristas, a xornada completa por 3 meses, para completar o plantel necesario.
A solicitude cúrsase ao abeiro do Programa de Fomento do Emprego e Mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais 2021. Agora, o Concello deberá esperar a que a Consellería de Economía, Emprego e Industria resolva a convocatoria para coñecer cantos contratos se financian este ano.
Unha vez se coñeza a resolución da Xunta, o Concello remitirá a oferta ao Servizo Público de Emprego para que seleccione aos candidatos,.
Relacionadas:
-
A praia de Compostela, primeiro areal de Vilagarcía libre de tabaco
Por Redacción |
-
Vilagarcía seleccionará 16 persoas para formarse como socorristas e especialistas en mantemento forestal
Por Redacción |
-
A Praia da Compostela contará este verán cun parque flotante, rocodrómodo e deportes náuticos
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta destina 165.700 euros para contratar 55 socorristas nas comarcas de Pontevedra, O Salnés e Caldas
Por Redacción |
-
Vilagarcía seleccionará doce socorristas para os tres meses da temporada de verán
Por Redacción |