O Concello de Marín publica o protocolo de uso dos locais municipais
Por Redacción
O Concello de Marín segue avanzando na xestión da vida municipal neste contexto de pandemia global. Despois de presentar hai uns días os protocolos sanitarios para o uso das instalacións deportivas municipais, o goberno local presenta agora as normas de uso para os diferentes locais que son propiedade do Concello e que dan acubillo a asociacións culturais.
O documento afecta os locais do parque Azul de Cantodarea, a antiga aula de música, os salóns da Finca de Briz, o local social da Cañota, a antiga Cámara Agraria, a Casa de Cultura de Seixo, a Casa de Cultura de Mogor e os salóns de Méndez Núñez.
O goberno local busca establecer unha serie de normas e obrigacións para que as asociacións poidan manter a súa actividade con seguridade e cumprindo sempre as esixencias que conleva o estado de nova normalidade derivado da crise sanitaria da Covid-19.
Entre as normas básicas que se adoptan, destaca a obrigatoriedade de solicitar o uso da instalación antes do próximo 15 de setembro, indicando o número de horas e días de uso do local, detallando o número de asistentes que participarán nas actividades, quedando prohibida a entrada aos locais antes de dita data.
O uso da máscara será obrigatorio en todo momento e o aforo de cada local quedará limitado en función do seu tamaño, de maneira que sexa posible manter a distancia de seguridade entre os usuarios, sen superar nunca o 75 % do aforo.