As confrarías da ría impulsarán a comercialización directa dos peixes e mariscos
Por Redacción
O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Pontevedra presentou este luns o plan de traballo que seguirán nos próximos catro meses para acadar o obxectivo do proxecto Pescado artesanal: facilitar a comercialización dos peixes e mariscos da flota da Ría de Pontevedra.
Esta iniciativa conta co apoio das confrarías de pescadores da zona (Bueu, Marín, Lourizán, Pontevedra, Raxó, Portonovo e Sanxenxo).
A xornada, que durou arredor dunha hora, abriuse cunha breve presentación da presidenta do GALP Ría de Pontevedra, María del Carmen Vázquez, na que resaltou a necesidade de cohesión de todo o sector na promoción do produto local, aínda máis neste contexto de incertezas.
"Queremos contar con todos os axentes que interveñen na cadea do peixe, desde os pescadores ata os consumidores, para deseñar actividades directas" que impulsen a pesca artesanal, explicou a xerente da entidade, Laura Nieto.
Á reunión asistiron representantes das lonxas da ría, das prazas de abastos, do sector comercializador e restaurador, como tamén dos concellos, entre eles, a concelleira de Marín, María Cristina Acuña, responsable da área de Comercio.
Laura Nieto sinalou que un conxunto de actuacións nos que o papel que xoga a plataforma pescadoartesanal.com segue sendo fundamental para darlle saída ás capturas que proveñen da ría, simplificando o proceso de compra e venda.
Deste xeito, o plan de traballo busca reforzar o uso da aplicación, poñer en valor e promocionar o produto local e aumentar as vendas.
As accións que se desenvolverán artellaranse en catro fases nas que se realizarán visitas aos centros de comercialización e lonxas adheridas á plataforma, sesións de asesoramento e información sobre a aplicación para informar sobre o seu uso e beneficios, de control e seguimento do cumprimento dos compromisos de adhesión a pescadoartesanal.com e de promoción da web.
Entre os meses de setembro e outubro realizaranse talleres con comercializadores da área de Bueu, Pontevedra e Portonovo para afondar nas vantaxes que ofrece a plataforma e nas fórmulas existentes para promocionar o seu produto. Durante todo o proceso manterase un contacto coas confrarías da zona da zona de influencia de forma constante.
Así mesmo, apostarase pola realización de accións de comunicación, desde a dinamización das redes sociais e o blog de pescadoartesanal.com ata a organización de eventos, para achegar a toda a sociedade os beneficios de apostar polo produto local, desde a óptica da saúde como da súa implicación no fortalecemento do tecido socioeconómico das vilas costeiras e a conservación dos seus recursos naturais.
Relacionadas:
-
Marín, Bueu, Portonovo e Pontevedra acollen cursos de WhatsApp Marketing
Por Redacción |
-
O mercado de abastos de Pontevedra estrea o seu sistema de reparto a domicilio
Por Redacción |
-
A pesca artesanal súmase ao atractivo turístico das rías da man do GALP Ría de Pontevedra
Por Redacción |
-
Os GALP das Rías Baixas organizan a 'Xornada Internacional de Turismo Mariñeiro e Pesca-turismo'
Por Redacción |
-
O GALP Ría de Pontevedra perfila o traballo ata final de ano da campaña pescado artesanal
Por Redacción |
-
O GALP organiza en xullo tres sesións de formación para as profesionais do sector do mar
Por Redacción |
-
O GALP destina 773.000 euros ao financiamento de trece proxectos relacionados coa ría de Pontevedra
Por Redacción |