A remodelación da cuberta do pavillón polideportivo da Seca comezará nos vindeiros días
Por Redacción
O Concello de Poio prevé que nas próximas semanas dea comezo a obra de rehabilitación da cuberta do pavillón polideportivo da Seca, unha actuación que ten coma obxectivo mellorar a eficiencia enerxética destas dependencias.
Trátase dun proxecto que se financiará a través das achegas xestionadas a través do departamento de Promoción Económica ante o Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), que tamén servirán para custear a nova cuberta da Casa Consistorial e diferentes melloras no ximnasio municipal.
A administración local firmará nos vindeiros días o contrato coa empresa adxudicataria, Sergonsa Servicios Sociedad Limitada, logo de completar o pertinente concurso de licitación. O orzamento para levar a cabo esta obra ascenderá finalmente a 163.696 euros, IVE engadido.
A oferta presentada por esta entidade inclúe a ampliación do prazo de garantía en 36 meses sobre o mínimo, ademais dun incremento de control de calidade nun 2%. Os operarios procederán a realizar a substitución da cuberta actual, de chapa metálica, por un panel ‘sándiwch’.
Renovaranse, asemade, os canalóns da recollida de pluviais, así como as correspondentes baixantes. No proxecto inclúese, a maiores, a dotación de novas luminarias, que darán servizo tanto na pista como nas bancadas.
Trátanse de unidades tipo LED, que servirán para reducir de xeito drástico os custes derivados do consumo enerxético. Segundo se apuntan nos informes elaborados polos técnicos, actualmente a contía roza os 300.000 euros anuais. Prevese unha redución de preto de 35.000 euros.
O concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís, explica que esta nova iluminación facilitará a gravación e retransmisión de partidos e eventos deportivos, xa que a tecnoloxía led elimina zonas de sombra.
En agosto tamén foi adxudicado o proxecto de mellora da eficiencia enerxética do ximnasio da Seca á empresa Calicanto Obras y Proyectos Sociedad Limitada. A actuación contará cun orzamento que ascende a 124.183 euros, IVE incluído.
Levarase a cabo unha mellora do illamento exterior, para o cal se utilizará un revestimento especial, que se estenderá por toda a fachada. Ademais, a empresa tamén acometerá a substitución das fiestras actuais por outras de mellor calidade.
Con respecto á reforma da cuberta da casa consistorial, nos vindeiros días reunirase a mesa de contratación para analizar as ofertas presentadas polas empresas interesadas en levar a cabo estes traballos.
Relacionadas:
-
A reforma do ximnasio da ONCE, en marcha
Por Redacción |
-
O Poio Pescamar mudarase a Príncipe Felipe mentres duren as obras na Seca
Por Diego Espiño |
-
Fondos europeos para atallar a sangría eléctrica do ximnasio da Seca en Poio
Por Redacción |
-
As obras no pavillón de A Seca obriga ao Concello a buscar alternativas para os clubes
Por Redacción |