Investigan un veciño da Lama sorprendido con 2.080 euros en billetes falsos de 20 e 50
Por Redacción
A Garda Civil mantén a condición de investigado a un veciño da Lama de 24 anos ao que interviñeron 2.080 euros en billetes falsos de 50 e 20 euros.
O home é natural de Alemaña e actualmente reside na Lama. A Garda Civil atribúelle un delito de tenencia de moeda falsa para a súa distribución ou posta en circulación e, tras detelo, deixoulle xa en liberdade en sede policial, pero coa obrigación de comparecer no Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra cando sexa requirido.
Unha patrulla da compañía da Garda Civil de Pontevedra descubriu o delito por mor dunha inspección que se realizou nun bar da Lama. Cando os axentes entraron no local, este home saíu de forma precipitada, de modo que espertou as súas sospeitas.
Os axentes observaron os seus movementos e comprobaron que escondía un vulto que levaba na man debaixo dun banco de pedra e logo volvía ao bar. Ao examinar o contido do envoltorio que escondera, a Garda Civil comprobou que se trataba dun feixe de billetes de 20 e 50 euros. En total, tiña 68 billetes falsos, 44 de 20 euros e 24 de 50.
Os axentes sospeitaron da falsidade dos billetes e tamén atoparon nese paquete unha chave de puxilato, o coñecido como puño americano, que está considerado como unha arma prohibida
O propio sospeitoso entregou na Garda Civil outro lote de billetes que gardaba no seu domicilio, un total de 1.520 euros máis. Agora, a investigación continúa aberta para coñecer a orixe e a procedencia dos billetes falsos intervidos.