Ábrese o luns o concurso de ideas para deseñar o futuro viveiro de empresas en Barro-Meis
Por Redacción
O concurso de ideas para o deseño do edificio que albergará o viveiro de empresas do polígono de Barro-Meis abrirase o vindeiro luns 26 de agosto trala súa publicación no BOP. A creación deste viveiro de empresas permitirá, sinala a Deputación de Pontevedra, fomentar iniciativas empresariais ao mesmo tempo que se converte en impulso de emprendemento en toda a provincia de Pontevedra.
O proxecto enmárcase dentro do acordo que a Deputación Provincial acadou coa Fundación Incyde para a posta en marcha de dous viveiros de empresas na provincia, (xunto a este, o de Lalín) cun orzamento de 1,5 millóns de euros dos que o 80%, 1,2 millóns de euros, proceden de fondos europeos FEDER.
A través deste concurso premiarase a proposta de proxecto de obra básico, o deseño e a definición das características da obra que albergará un viveiro de empresas nas parcelas A10 e A11 do polígono industrial de Barro-Meis. Ademais da creatividade, se valorará os plantexamentos que teñan un alto valor arquitectónico e estético.
Poderán participar arquitectos colexiados de xeito individual ou formando equipos multidisciplinares optando a un primeiro premio de 6.000 euros, un segundo de 3.000 e un terceiro de 1.000 euros. Os interesados deberán presentar a solicitude durante os 15 días naturais seguintes á publicación no BOP, e tralo proceso de selección, os admitidos deberán presentar a súa proposta baixo un lema nun prazo de 30 días tralo cal deliberará o xurado.
PROMOCION ECONOMICA
Este viveiro de Barro-Meis funcionará como estrutura de acollida temporal para emprazar empresas nos seus primeiros pasos no mercado. Os que se asenten neles recibirán formación e a Deputación e o Incyde prestaralles determinados servizos adaptados ás súas necesidades concretas para que poidan desenvolver iniciativas empresariais de interese local e contribuír a dinamizar a comarca.
Nos viveiros, as empresas instalaranse de forma gratuíta perante os dous primeiros anos da súa existencia, soportando tan só os gastos xerais de mantemento das instalacións. O proxecto facilitará o labor dos emprendedores de Pontevedra e comarca, dándolles espazos e servizos adecuados para a posta en marcha das súas iniciativas, e servirá tamén de punto de partida para unha estratexia máis ambiciosa de impulso do emprendemento e promoción económica en toda a provincia.