Unha xornada dedicada aos turistas inaugura este domingo as festas patronais de Sanxenxo
Por Redacción
O pasarrúas e a alborada que ofrecerán Os Gatiños de Portonovo e a Banda de Música de Sanxenxo a partir das 10.00 horas anunciará este domingo o inicio das festas patronais cunha xornada dedicada aos visitantes. Posteriormente, sobre as 12.00 horas, o chupinazo encendido pola alcaldesa, Catalina González, desde o balcón da Casa Consistorial, abrirá oficialmente os festexos que se prolongarán ata o vindeiro xoves 5 de setembro.
Desde alí partirá despois a comitiva para participar, ás 12.30 horas, na degustación gastronómica que está prevista no recinto portuario e coa que a Administración local agradece cada ano a fidelidade dos visitantes que escollen todos os veráns o municipio para gozar das súas vacacións. Serán ao redor de medio milleiro os quilos de sardinas que se servirán gratuitamente acompañados de viño e pan.
O Día do Turista continuará ás 13.00 horas co concerto que a Banda de Música de Sanxenxo protagonizará na Praza de Pascual Veiga. Pola tarde, desde as 19.00 horas, desenvolveranse os actos relixiosos en honor a San Xenxo. Trala misa solemne, cantada polo Coro Parroquial San Xinés de Padriñán, terá lugar a tradicional procesión pola contorna da igrexa.
A actuación, ás 21.00 horas, da Banda de Música de Sanxenxo e a verbena que comezará ás 22.30 horas na Praza do Mar, a cargo das orquestas Pontevedra e Limón, poñerá o colofón ao primeiro día de festas.
RESTO DA PROGRAMACION
Este será só o primeiro día das festas patronais de Sanxenxo. O prato forte chegará a partir do próximo 1 de setembro. Será o día no que terá lugar a XIV milla urbana de Sanxenxo e o certame de bandas de música. Pero non será ata a véspera do día de Santa Rosalía, patroa da vila, cando os actos de multipliquen, comezando cun concerto da Banda de Música de Sanxenxo e a procesión nocturna para recoller a imaxe da virxe.
O propio día grande, o mércores 4 de setembro, se inaugurá a Feira da Cebola, haberá outro concerto de Banda de Música de Sanxenxo e a misa na honra a Santa Rosalía estará cantada polo coro de pensionistas da localidade. Haberá dúas procesións, unha tras esta misa, e outra nocturna para recoller a imaxe da Virxe do Carme. As orquestras Oca e Marbella amenizarán a verbena e a xornada finalizará cunha tirada de fogos artificiais.
Chegarase así ao último día das festas, o xoves 5 de setembro, que estarán dedicadas á Virxe do Carme. A Banda de Música de Sanxenxo actuará en sesión de mañá e tarde na Praza de Pascual Veiga e celebrarase a misa e a tradicional procesión marítima en honor á Virxe. As celebracións relixiosas estarán cantadas polo Coro Parroquial San Xinés de Padriñán. O broche de ouro poñerano as orquestras Océano e Palladium.