O BNG esixe "información e transparencia" sobre un accidente na planta química de FORESA en Caldas
Por Redacción
Un accidente acontecido o sábado 12 de setembro na planta de produción da empresa química FORESA en Caldas de Reis liberou, segundo o BNG, produtor químicos no ambiente que "máis dunha semana despois seguen sentíndose en amplas zonas da comarca".
A formación nacionalista presentou mocións nos concellos de Caldas e Portas demandando, tanto á empresa como á Xunta, que aclaren o sucedido e informen os veciños.
Na súa argumentación o BNG asegura que este suceso está a ter repercusión sobre a saúde e o benestar dos veciños da zona ao provocar casos de náuseas, mareos ou dificultades respiratorias.
"O mínimo que debe esixírselle tanto á Xunta como a FORESA é información e transparencia, pois só así as veciñas e veciños poderán volver desfrutar dos seus fogares con tranquilidade", afirma Manuel Fariña, portavoz municipal da formación en Caldas de Reis.
Pola súa banda Arturo Fontán, o seu compañeiro en Portas, entende que "cando unha empresa química está establecida tan próxima a núcleos de poboación como é o caso, vai no seu propio interese manter a máxima transparencia. Non pode permitirse romper o vínculo de confianza que ata agora podía existir coa veciñanza, a súa reputación e credibilidade están en xogo", sentenciou.
Na súa denuncia o BNG defende que máis dunha semana despois do accidente nin a empresa nin a Xunta de Galicia, responsable da xestión das emerxencias, ofreceron unha "explicación convincente" sobre o sucedido, así como información sobre os produtos químicos emitidos á atmosfera e a concentración en aire rexistrada.