Blanca García Montenegro, Mar Barcón e Salomé Carrera, grandes nomes do foro Tempo de Mulleres
Por Alejandro Espiño
Xa sabiamos que Pontevedra ía acoller en setembro a terceira edición do Foro nacional sobre liderado feminino e empresa 'Tempo de Mulleres'. ÿ un dos eventos que forman parte do calendario de feiras e congresos da cidade para este último trimestre do ano. PontevedraViva adiántavos o programa deste foro, que se celebrará o próximo 19 de setembro no Pazo da Cultura, e no que participarán recoñecidas emprendedoras.
O foro estará estructurado en tres grandes bloques. O primeiro deles abrirao, ás 9.30 horas, Carmen Mellina, a directora da Escola Europea de Coaching de Bilbao, que ofrecerá unha charla denominada A palabra en feminino. A continuación será a quenda de Enrique de Mora, conferenciante e experto en management, que disertará sobre Comportamento animal e liderado feminino.
E ás 10.55 horas, celebrarase unha mesa redonda que, baixo o título Diálogo entre mulleres: comunicación empresarial O futuro é feminino?, reunirá a Blanca García Montenegro, presidenta do grupo El Progreso; Salomé Carrera, directora xeral da firma Pili Carrera; e Mar Barcón, exdiputada e portavoz socialista no Concello da Coruña, tres mulleres cunha dilatada carreira profesional e política.
Tras unha pequena pausa comezará o segundo bloque do foro: Talento feminino na dirección. Ás 11.55 horas, Francisca Serrano Ruiz, trader independente falará de Recomendacións para reinventarse e liderar o teu proxecto persoal. Tras ela, o protagonismo será para Elena García Pont, con máis de 15 anos de traxectoria vinculada á consultoría de Recursos Humanos, principalmente en Outplacement, cunha conferencia titulada Emprender. Muller e autónoma. Motor económico.
O terceiro e último bloque comezará ás 12.40 horas cunha 'Speech Room', unha sesión na que calquera das asistentes a este foro poderá explicar a idea do seu negocio. Trala comida, retomarase a sesión cunha charla a cargo de Montse Sánchez-Agustino Mariño, empresaria e expresidenta Asociación Executivas de Galicia, que disertará sobre Habilidades directivas en tempos de crises. Haberá aínda unha última conferencia, O humor non ten xénero, para a cal aínda non se atopou ponente.
Ademais, en cada un dos bloques haberá 'píldoras informativas', sesións duns cinco minutos de duración cada unha. Estarán protagonizadas por mulleres que relatarán as súas experiencias á fronte dalgún colectivo. Farano Dolores Pedra, representante da Fundación Vicente Ferrer en Pontevedra; Lucía Pedroso, presidenta da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Pontevedra e Carla Reyes, presidenta de Executivas de Galicia.
Este é o completo programa dun dos congresos máis esperados da programación de outono en Pontevedra. Dáse a circunstancia de que os seus organizadores pensaran en Rosalía Mera para que participase nesta terceira edición. Os primeiros contactos foran moi positivos neste sentido e esperábase unha resposta afirmativa. Iso foi, lóxicamente, antes do repentino e sentido falecemento da cofundadora de Inditex.
A incripción a este foro Tempo de Mulleres ten un custo de 10 euros por persoa. As interesadas poden apuntarse no teléfono 902 636 139 ou ben enchendo un formulario na páxina web do evento.
Relacionadas:
-
"El pasado es de los hombres. El presente ya se lo estamos discutiendo. El futuro debe ser de ambos"
Por Redacción |
-
O Pazo da Cultura acolle este xoves o foro Tempo de Mulleres
Por Redacción |
-
Mulleres emprendedoras reuniranse en setembro en Pontevedra para debater sobre liderado feminino
Por Redacción |