O Plan Impulsa de #PonteLovers pon en marcha as súas reunións grupais
Por Redacción
O programa Plan Impulsa, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo a través da plataforma #PonteLovers, leva dende o pasado mes de xuño ofrecendo mentorías individuais a 15 negocios de Pontevedra coa finalidade de superar estes momentos de incerteza. Unha vez que estas mentorías individuais xa superaron o seu ecuador, o vindeiro xoves 1 de outubro poranse en marcha as reunións grupais, co obxectivo de que as persoas inscritas se coñezan e poidan xerar un ambiente de confianza para facer "rede".
A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, explicou que o Plan Impulsa "está a axudar a 15 pemes a adaptarse á nova normalidade", ao tempo que xestionou máis de 100 inscricións de persoas "que están convidadas a participar nos encontros grupais".
"O obxectivo do programa -lembra a socialista- é apoiar aos negocios do concello a desenvolver estratexias empresariais en tempos tan incertos como os que estamos a vivir".
Segundo constata, as mentorías que se están a realizar son totalmente personalizadas e dependen da folla de ruta deseñada exclusivamente para cada empresa, polo que "ningunha ten as mesmas características que a outra, o que incrementa o valor das estratexias do empresariado participante".
"Hai persoas que teñen como obxectivo principal potenciar a súa estratexia de dixitalización, facendo especial fincapé no márketing dixital, mentres que outras traballan máis a área económica e financeira, analizando rendibilidades, tanto por produto como por cliente", sinala Mariem Filgueira, encargada de organizar e desenvolver o programa municipal.
Tal e como apunta Filgueira, entre as liñas que se traballan no Plan Impulsa inclúense "a revisión das previsións de ingresos e gastos, a elaboración de plans de tesourería, o deseño de cadros de mando cos principais indicadores, a reorganización da carteira de produtos/servizos, a análise de posibilidades de refinanciación ou o plan de contidos para redes e medios dixitais".
A concelleira Yoya Blanco fai un chamamento a tódalas persoas que teñen negocios en Pontevedra a que se inscriban nas reunións grupais, poñéndose en contacto co equipo organizador a través dos seguintes medios: o teléfono 625 12 04 75, a páxina ‘www.planimpulsa.org’, a dirección de correo electrónico ‘planimpulsa.pontevedra@gmail.com’ e as páxinas de Facebook e Instagram @planimpulsa_pontevedra.
Relacionadas:
-
A segunda fase do Plan Reinicia Turismo de #Pontelovers convoca a un grupo de expertos para rescatar ás pemes turísticas
Por Redacción |
-
Promocionan o comercio local pontevedrés cunhas xornadas fotográficas para nenos
Por Manu Otero |
-
#PonteLovers riza o rizo para facer realidade, en formato streaming, unha nova edición do Salón de Barbería e Estética
Por Redacción |
-
O mercado de abastos de Pontevedra estrea o seu sistema de reparto a domicilio
Por Redacción |
-
347 negocios adhírense á campaña 'Volta ao Cole'
Por Redacción |