A defensa pide a libre absolución do "rei das orquestras" e sinala que o proceso xudicial na súa contra supuxo a súa "morte civil"
Por Oskar Viéitez
A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra deixou visto para sentenza o xuízo por fraude fiscal contra a empresa Representaciones Lito e contra Ángel Martínez "Lito", coñecido como "o rei das orquestras en Galicia" que facendo uso do seu dereito á última palabra dirixiuse hoxe ao tribunal para dicir "son inocente, nada máis".
O fiscal de delitos económicos, Augusto Santaló, pediu que sexa condenado a 14 anos de prisión por varios delitos contra o imposto de sociedades, IRPF e IVE dos anos 2011 e 2012 nos que se lle acusa, xunto á empresa da que controlaba o 51% do accionariado, Representaciones Lito, de ocultar ingresos de 26 e 23 millóns a Facenda, respectivamente.
Entenden a Fiscalía e a Avogacía do Estado que o acusado coa súa empresa "vendía un producto llave en mano" ás comisións de festas e organizadores dos eventos.
Pola súa banda, o avogado deste coñecido empresario de Caldas de Reis, Carlos Seoane, pediu a libre absolución do seu cliente e, entre outros argumentos, sinalou o "plus de perjuicio" que supuxo este caso para o acusado.
Entre outras repercusións destacou a súa incapacidade laboral, o peche de todas as súas empresas ou que o seu patrimonio fose embargado. "Sufre un deterioro físico y psíquico" por mor desta acusación, dixo o letrado, segundo acreditan "informes neurológicos, psicológicos y psiquiátricos".
A día de hoxe, os ingresos económicos de Lito "se limitan a una pensión de incapacidad que cobra por ventanilla ya que no hay ningún banco que quiera abrirle una cuenta".
Por estes motivos, o letrado asegurou que este encausamiento supuxo a "muerte civil" de Ángel Martínez. Engadindo a "exposición mediática feroz" á que estivo sometido este empresario, segundo dixo o seu avogado. "Con él no se ha respetado el principio de presunción de inocencia", engadiu.
O avogado da defensa tamén solicitou que, no caso de que a sala entenda que debe emitir sentenza condenatoria, aplíquese como atenuante as dilacións indebidas por un proceso que se iniciou no ano 2013.
O letrado de Ángel Martínez Pérez reclamou a declaración de nulidade sobre o rexistro efectuado na sede de Caldas de Representaciones Lito, isto invalidaría a documentación achada sobre o volume de negocio desta empresa, así como toda a proba derivada dela.
A mesma petición fixo a avogada de Representaciones Lito que tamén pediu a absolución para a empresa que ten no banco a Javier A. C. como simple representante procesual.
Ambos os letrados argumentaron que Representaciones Lito era unha mera comisionista e que naqueles anos a única normativa aplicable no sector era un decreto que establecía unha relación laboral especial entre as comisións de festas e as orquestras, pola que non se tiña que tributar.
Relacionadas:
-
O estado de saúde de 'Lito', o 'rei das orquestras', obriga a suspender un novo xuízo
Por Natalia Puga |
-
De 12 anos de cárcere a só dous e tres meses: así se reduce a condena de 'Lito', o rei das orquestras, por fraude fiscal
Por Natalia Puga |
-
A defensa cualifica de "absolutamente inverosímiles" as cantidades que Facenda imputa a Lito
Por Oskar Viéitez |
-
A defensa de Representaciones Lito asegura que era un mero comisionista das orquestras
Por Oskar Viéitez |
-
O tribunal determina que Lito, o rei das orquestras, está en condicións de ser xulgado e el négase a declarar
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |