"Teño covid-19 e dinme que xa estou curado. Sen PCR nin nada que o demostre"
Por Alejandro Espiño
Hai dúas semanas recibín a chamada que, nesta época de pandemia, ninguén quere recibir. "O resultado da túa PCR é positivo", dixéronme. A noticia, aínda sendo esperada -perdera o olfacto e o gusto, un dos síntomas máis claros da covid-19-, foi un mazazo.
Todo empezara tres días antes. Espertei con dor de cabeza, pero non lle dei maior importancia. Ás veces pásame. A idade, dinme os máis malvados. Os corenta non perdoan. Fixen café e marchei á ducha. Ao volver, non me chegou o habitual aroma cafeteiro. Pensei, "non lle dei ao botón". Pero si, fixérao. O café botaba fume pero eu non cheiraba absolutamente nada.
Recoñezo que me asustei. Decidín pedir cita co meu médico. Erro. A súa axenda está completa ata dentro de oito días. Eu non podo esperar. Chamei ao centro de saúde e, tras varios intentos e conversacións con diferentes servizos, dei coa persoa adecuada. O meu médico chamaríame enseguida. Así o fixo. Viu claro o meu diagnóstico. Pediu unha PCR para confirmalo.
Confineime xa ese mesmo día. Por sorte, podía facelo. A miña empresa permitíame teletraballar. Sei que hai xente que esta corentena previa tráelle problemas. Porque non che dan a baixa. Polo menos, ata que se confirma o positivo. O meu, como xa dixen antes, tardou tres días.
Ninguén me sabe dicir cando me puiden contaxiar. "É imposible sabelo", dinme desde a unidade de seguimento de Montecelo. Eu non tiven encontros familiares, festas con amigos nin eventos multitudinarios. "Non lle deas máis voltas", explícanme. En Pontevedra hai transmisión comunitaria. "Puido ser na cola do supermercado ou pola rúa", engaden.
Horas máis tarde recibía unha nova chamada. "Somos da Xunta", dixéronme. Os famosos rastrexadores. Si, existen. Polo menos en Galicia. Déronme un código para activar o meu positivo na APP "Radar COVID" e faciliteilles o nome e o teléfono dos meus contactos estreitos. Eu xa os preavisara para que tivesen coidado.
Chamáronos a case todos. Descoñezo o criterio. Aos que si, a uns fixéronlles PCR e a outros non. Incomprensible. Iso si, todos confinados unha semana. Mentres, eu en casa e sen apenas síntomas. Pronto desapareceron as dores de cabeza e quedei só coa perda de olfacto. Cheiraba todos os botes que tiña por casa para ver se era capaz de percibir algo. Nada.
Hei de recoñecer que tiven un seguimento médico constante estes quince días. Tanto por parte do equipo de Montecelo, que sempre foron moi amables comigo, como polo meu médico de cabeceira. A el estareille eternamente agradecido. Chamaba todos os días para ver como ía evolucionando. Animándome a cada paso que daba cara á miña ansiada curación.
Desde o principio dixéronme que o 2 de outubro faríanme unha segunda PCR. Se era negativa, é que o meu corpo vencera á infección. Estar confinado e que che dean unha data agradécese. Mentalmente conciénciaste. Cada día que pasa é unha vitoria. Sobre todo cando, dentro do que podía ser, non foi unha corentena incómoda
Pero 48 horas antes da proba recibo unha nova chamada. A miña PCR anúlase. "Cambiou o protocolo", explican a outro lado do teléfono. Xa estou curado. Polo menos, para Sanidade. Que xa podo saír de casa, volver traballar ou reencontrarme con familiares e amigos. E que, textualmente, "o pase ben". Con máscara e con coidado, iso si. Non vaia a ser.
Din que xa non contaxio. Que non teño os síntomas máis graves. Nada de febre, tose nin dificultades respiratorias. Eu dígolles que nunca os tiven. Que como podo estar seguro de que estou ben e, sobre todo, que non contaxio. Non teño unha PCR negativa que o certifique. "Non debería pasar", contestan. NON DEBERÍA. Xa quedo moito máis tranquilo.
"Dio o papel que nos deron", engaden. Insisto en que me fagan a PCR. Por seguridade e pola miña tranquilidade. Non hai maneira. "O protocolo non nos deixa", repiten unha e outra vez. Colgo o teléfono e empezo a asumir o que me dixeron. Podo saír á rúa. Pero ninguén me garante que o virus xa non está. Que non podo contaxiar a ninguén.
Podo ir visitar á miña familia ou ver aos meus amigos sen temer que algo lles pase? Podo volver con seguridade ao meu traballo? Facer entrevistas, ir a roldas de prensa en espazos pechados… Ninguén se fía ao 100%. Nin os propios médicos. De verdade hai que vivir con esta incerteza?
Sanidade di que estou ben. Pero non hai nada que o certifique. Nin PCR nin seroloxía que, para a miña tranquilidade, terei que pagar do meu peto nunha clínica privada. 140 euros. Non doe pagalos. Fágoo por min e polos meus. O que me indigna é que nos aboquen a iso. Á sanidade privada. Por baixar as estatísticas. Por aforrarse unha proba que a eles cústalles catro duros.
Algúns dirán que é un capricho. Que non necesito ese diagnóstico. Que non contaxio. Que outras comunidades xa o fan así. Pode ser. Eu non son médico nin virólogo. Só un cidadán con medo. Con medo de poder foderlle a vida a alguén. E ninguén me tranquiliza.
Si, NECESITO ese diagnóstico. Onte á noite apenas durmín. Da ansiedade por saír á rúa. De pensar que haxa unha mínima posibilidade de contaxiar a alguén. A ansiedade é moi fodida. Quen o sufriu sabéo ben. E diso tamén se ten que ocupar a sanidade pública. Non só de presumir cando as cousas van ben.
Entendo que non se fagan PCR sen xeito nin dereito. Pero para desconfinar a un positivo debería ser obrigado que haxa un diagnóstico negativo. Como ata o de agora. Quen lle di a Sanidade que o paciente logra identificar todos os síntomas? Ou que non os oculta para que lle liberen do confinamento antes de tempo? O control telefónico ten as súas limitacións.
Por iso é importante testar aos pacientes. "Test, test e máis test", dinnos as autoridades galegas. Pero á mínima recórtanos. Ao final, empezas a pensar que unicamente buscan reducir as estatísticas custe o que custe e, realmente, a saúde pública importa moi pouco.
E que se me entenda ben. Isto non é un reproche aos magníficos profesionais da sanidade galega. Eles fan o que poden. En xornadas maratonianas e sen apenas descanso. E, no meu caso, o trato foi intachable. Están moi por encima daqueles que lles mandan. Este país está en débeda con eles. Estabámolo na primavera e estámolo, aínda máis se cabe, agora. Diso non teño a máis mínima dúbida. E menos, tras comprobalo nas miñas propias carnes.
Relacionadas:
-
Reabre outra aula pechada por COVID-19 en colexios da área sanitaria, onde hai 52 positivos entre a comunidade educativa
Por Natalia Puga |
-
A incidencia da COVID-19 volve subir na área sanitaria, con 14 positivos nun día e 9 casos activos máis
Por Natalia Puga |
-
Recuperan o COVID-Auto do recinto feiral para aumentar a cantidade de test a pacientes da área sanitaria
Por Redacción |