Destinan 18.000 euros á sinalización dos muíños de Samieira e da Freixa en San Xoán
Por Redacción
O Concello de Poio adxudicou os traballos para mellorar a sinalización nos roteiros dos muíños de Samieira e da Freixa, na parroquia de San Xoán de Poio. A concellería de Turismo impulsa esta iniciativa que conta cun orzamento de máis de 18.000 euros.
A intención da concelleira Silvia Díaz é que as obras comecen en breve e finalicen en poucas semanas, se acompañan as condicións meteorolóxicas. Esta proposta estaba prevista desde que se pediu a finais de 2019 unha achega económica á Axencia Galega de Turismo da xunta de Galicia para levar a cabo esta obra.
O estado de alarma provocou que se paralizase a tramitación e debido á crise económica, esta liña de axudas reconverteuse nun convenio entre o Concello e a Xunta, que achega un 65% do custo total.
Está previsto repoñer os paneis informativos e a sinalización actual. O roteiro da Freixa conta con sete muíños, nunha extensión que se achega aos dous quilómetros. En Samieira atópanse 23 muíños, dos que 10 foron restaurados, ademais este roteiro dispón de tres fontes. Estes sinais mostrarán planos, imaxes e textos explicativos sobre a fauna e flora destas zonas, ademais da denominación dos muíños.
Para a concelleira estes traballos son necesarios porque se trata de espazos que supoñen un gran reclamo turístico durante todo o ano. Neste sentido, reforzarase a sinalización na PO-308 e na PO-303 desde onde se pode acceder a estes puntos.
Relacionadas:
-
Conclúen os traballos de mellora da sinalización das rutas dos muíños da Freixa e de Samieira
Por Redacción |
-
Poio fai promoción turística nas redes pensando na volta á normalidade
Por Oskar Viéitez |
-
A directora de Turismo de Galicia revisa as obras realizadas no miradoiro e nos muíños de Samieira
Por Redacción |