A Fundación Alexandre Bóveda presenta unha iniciativa popular para institucionalizar o Día da Galiza Mártir
Por Oskar Viéitez
A Fundación Alexandre Bóveda presentou unha iniciativa popular coa que se pretende reclamar ao Parlamento de Galicia a institucionalización da figura de Alexandre Bóveda como mártir galego e como "conseguidor do estatuto de autonomía".
"Pero non queremos que a iniciativa fique na figura de Bóveda", a petición tamén solicitará ao Parlamento institucionalizar o Día da Galiza Mártir "en memoria e homenaxe de todos e todas as cidadás que deron a súa vida ou padeceron o exilio por defender a liberdade e os dereitos democráticos e nacionais do pobo galego", segundo anunciou este venres en rolda de prensa en Pontevedra o secretario da Fundación, Valentín García Bóveda, neto do ilustre galeguista.
A Fundación creará unha plataforma por internet onde calquera asociación, institución ou persoa a título particular poida adherirse se aproba os termos nos que está recollida a petición. Aspiran a reunir uns cen mil apoios.
Trátase dunha proposición de lei na que tamén se insta a Cámara galega a incoar o xuízo e execución de Bóveda e a "rehabilitar publicamente a figura de todos os asasinados polo franquismo".
Dende a Fundación aspiran, nun futuro, a traballar para a derrogación da Lei de Amnistía de 1977
ÿ un primeiro paso pois dende a Fundación aspiran, nun futuro, a traballar para a derrogación da Lei de Amnistía de 1977 "pola impunidade que consagra". "Nunca un Estado democrático vai avanzar mantendo leis inxustas", dixo Valentín García Bóveda asegurando que a derrogación daquela amnistía "fomentaría a cohesión social e non a polarización que estamos vivindo".
En canto á iniciativa en curso céntrase en "incoar o proceso seguido e a condena a morte ditada" contra Alexandre Bóveda en agosto de 1936 que rematou coa vida do dirixente do Partido Galeguista ás mans dun pelotón de fusilamento. Isto é, a iniciar un proceso xudicial que coas debidas garantías declare nulo o xuízo e execución de Bóveda por parte de "un tribunal de forzas antodemocráticas sublevadas contra o réxime constitucional da Segunda República española, e executada en Poio o día 17 de Agosto de 1936".
A iniciativa tamén persegue que o Executivo galego e as institucións nacionais rehabiliten "pública e politicamente a figura de Bóveda Iglesias" e con ela simbolicamente "a de todas as galegas e galegos mortos dende o 18 de xullo de 1936".
Nos últimos anos sucedéronse distintos acordos institucionais que tiñan como obxectivo o recoñecemento da figura humana e política de Alexandre Bóveda: a homenaxe institucional do Concello de Poio, o nomeamento como Fillo Predilecto de Ourense, adoptado na Corporación Provincial ourensana, e máis recentemente o nomeamento de Fillo Adoptivo da Cidade de Pontevedra, xunto coa concesión da medalla de ouro de Pontevedra.
Con esta petición, a Fundación Alexandre Bóveda demandará do Parlamento de Galicia que "honre a todas as persoas mártires da liberdade na Historia do pobo galego, institucionalizando como Día da Galiza Mártir o 17 de agosto, aniversario da morte de quen Castelao converteu en símbolo de todas elas, o cidadán galego Alexandre Bóveda Iglesias, e máis a rehabilitación pública e política do propio Bóveda e de todos os mártires da liberdade que el mesmo simboliza na memoria histórica e democrática do noso pobo".