O PSOE exhibe a súa lealdade ao BNG e pide tempo para valorar se o peche de Raíña Vitoria é acertado
Por Manu Otero
"Nós comprendemos a situación que están a atravesar, pero a posición do Concello é clara e está apoiada por todo o goberno sen fisuras", resumiu o tenente de alcalde, Tino Fernández (PSOE), o contido da reunión mantida este xoves entre tres dos concelleiros do grupo socialista cunha representación dos empresarios e comerciantes afectados polo corte ao tráfico rodado da rúa Raíña Vitoria.
Ambas as partes destacaron o ton "construtivo" e "amable" dun encontro do que "nos imos sen unha solución porque o PSOE non ten competencias en mobilidade", engadiu o vicepresidente da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, Eduardo Barros.
Desde o goberno local, Fernández explicou que desde as tres concellerías que dirixe a súa formación, especialmente a de Promoción Económica, "buscaremos alternativas que poidan paliar esa perda de clientela", aínda que asumiu que actualmente "non hai alternativas".
Aínda así, fixo fincapé en que a decisión tomada polo Concello é provisional e que no futuro estudarase o seu mantemento. "Estas decisións de peonalización tense visto na historia de Pontevedra que necesitan tempo para ver se funcionan ou non", remarcou.
Pola súa banda, Barros agradeceu o apoio e comprensión do socialistas "pero non entendemos que non se manifesten en contra do peche da rúa porque é un clamor a nivel empresarial e veciñal. Todo o mundo está en contra", asegurou.
Neste sentido, os comerciantes acatan esta decisión pero vena como un "factor máis nesta grave crise da covid-19 que empeora a situación dos autónomos, traballadores, empresarios e cidadáns que queren entrar ou saír de Pontevedra". E alerta de que "non podemos seguir pechando Pontevedra á comarca porque non só vivimos dos cidadáns de Pontevedra e cada vez vén menos xente a comprar e traballar".
Nun ton similar pronunciouse Pablo García, comerciante desta rúa, quen asegurou que nos últimos días recibiu chamadas de clientes que lle dicían que "se vou tardar 30 minutos en entrar e outros 30 en saíde de Pontevedra, pois me vou a Vigo ou Vilagarcía que hai outros comercios".