O pleno de Poio rexeita a moción do PP na que pedía ao goberno local de Pontevedra a reapertura de Raíña Vitoria
Por Redacción
Este martes, a última hora da tarde, celebrábase o pleno ordinario no Concello de Poio no que se debatía unha moción presentada polo grupo do Partido Popular que reclamaba á corporación esixir ao goberno local de Pontevedra a reapertura ao tráfico da avenida Raíña Vitoria.
O goberno tripartito que dirixe Luciano Sobral lamentou a intención de "crispación continua" por parte da oposición e trasladou aos populares a mensaxe de que unha corporación non pode esixir medidas a outro Concello dentro do seu ámbito. Pediron respecto á autonomía de cada administración local e lamentaron este tipo de mocións. Tamén acusaron aos populares de instalar pancartas, carteis e fotografías sen que aparecesen as súas siglas e co obxectivo de xerar tensión contra o goberno local.
En relación co peche de Raíña Vitoria que o Partido Popular vincula a un futuro cambio na ordenación do tráfico na Ponte da Barca, o goberno de Poio afirma que "é absurdo que pretenda facer crer á veciñanza que un Concello pode tomar esa decisión, cando a titularidade é da Xunta de Galicia". Nas respostas á moción, tamén pediron ao PP de Poio que se implique en demandar á administración autonómica a mellora da PO-308, en tramos como o do núcleo de San Salvador ou no reforzo das liñas de transporte público para que se reduzan os desprazamentos a Pontevedra en vehículos particulares.
LIQUIDACIÓN DO EXERCICIO 2021
O outro punto importante do pleno centrouse na liquidación do orzamento correspondente a 2021. Desta forma, o goberno municipal expuxo que o ano se pechou cun remanente de Tesourería superior a 2,6 millóns de euros, cun aforro neto de 1,2 millóns de euros. Os concelleiros indicaron que o nivel de execución foi do 98,6% no apartado de gastos e do 97,5 no relacionado cos ingresos.
Tamén sinalaron que se pasou de 13,2 a 21,9 millóns, cun aumento do 70%, na liquidación deste orzamento respecto ao aprobado a principios de 2021. O Partido Popular discrepou con estas contas e volveu acusar o goberno de BNG, PSOE e Avante Poio da mala situación económica das arcas municipais e dos elevados impostos que sofre a poboación do Concello.
Neste sentido, os dirixentes municipais lembraron que Poio leva cos impostos conxelados desde 2013 e acusaron ao PP de "mentir de forma descarada" atribuíndo a subida de ingresos ao aumento de taxas, a pesar destes datos. O goberno local defende que a recadación aumenta porque cada vez hai un maior número de habitantes no municipio e máis actividade económica.
Este pleno de febreiro de 2022 tamén significou a despedida da tenente de alcalde, a socialista Chelo Besada, que formou parte da corporación municipal por derradeira vez ao renunciar por motivos persoais a súa acta de concelleira, despois dunha longa traxectoria no Concello. As súas serán asumidas por Julio Casás.
Relacionadas:
-
Rafa Domínguez e Ángel Moldes piden transparencia ao goberno local cos seus plans para o tráfico na ponte da Barca
Por Natalia Puga |
-
Chelo Besada pon fin a súas dúas décadas de carreira política nun emotivo pleno de despedida
Por Redacción |
-
Convocan unha nova manifestación contra o peche de Raíña Vitoria
Por Oskar Viéitez |
-
O PP amplía a campaña de recollida de sinaturas contra o peche de Raíña Vitoria a novas zonas
Por Redacción |
-
O PP supera as súas expectativas e recolle máis de 4.000 firmas contra o peche de Raíña Vitoria
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Lores, sobre Raíña Vitoria: Era o eixo dun "circuíto" de tráfico que "atascaba toda a cidade"
Por Alejandro Espiño |
-
Mobilización de coches en Poio convocada polo PP contra a política de impostos do Concello
Por Redacción |
-
O Concello de Poio prevé un remanente de tesourería de máis de 2 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
Para os populares os orzamentos municipais "non reflicten as necesidades de Poio"
Por Oskar Viéitez |