Un bando sentencia o peche definitivo de Raíña Vitoria
Por Natalia Puga
Nada separa xa a avenida da Raíña Vitoria do seu peche definitivo ao tráfico no seu tramo entre a rúa Palamios e o acceso ao aparcadoiro da Alameda. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, asinou este venres o bando que aplica esta reordenación da mobilidade e o peche da circulación rodada parcial da vía que ata agora era temporal desde setembro de 2020, cando se adoptou como medida para previr os contaxios de covid-19 na contorna do instituto Sánchez Cantón.
A sinatura coincidiu no día cunha concentración convocada para a tarde deste venres polas persoas que se opoñen á medida, pero Lores quixo aclarar que foi coincidencia, pois o bando firmase e apróbase unha vez que finalizaron todos os trámites previos necesarios. Confirmou que a data "coincide" co fin do expediente, "que nos levou tempo".
Este venres, Lores compareceu acompañado por representantes da Federación de Asociacións de Veciños Castelao de Pontevedra, que dá o seu apoio á medida do peche definitivo. O seu presidente, Juan Manuel Loureiro, confirma que foi coincidencia e que eles xa tiñan pechada unha reunión co alcalde "sen saber que estaba convocada a concentración".
O peche definitivo ao tráfico tamén conleva unha decisión que afecta á mobilidade na zona. Dérona a coñecer Loureiro e o concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, e suporá modificar o sentido de circulación nas rúas Ribeira dos Gafos e Ribeira dos Peiraos, que ten como obxectivo reducir o tráfico na rúa Palamios.
Segundo explican, detectouse que o único punto no que aumentou a circulación de vehículos desde o peche provisional de Raíña Vitoria era a rúa Palamios, que seguía a ter tráfico de paso, xusto o que queren evitar desde o Concello co peche.
Esta medida crea un sentido lóxico de circulación "semellante ao dunha redonda", explica Demetrio Gómez, convencido de que mellorará a calidade de vida da rúa a pesar de que os veciños de Palamios terán "150 metros máis de circulación".
Agora que o peche é definitivo, tamén se adoptarán xa medidas definitivas relativas á situación actual da rúa e co reto final de que pase ser un 'Skate Park'. Segundo indicou Lores, non poden concretar prazos, polo complicado de concretar datos en procesos administrativos e tamén pola delicada situación actual, na que hai problemas de subministros.
En todo caso, si adiantou que a rúa será obxecto "o máis rápido posible" dunha actuación para dotala de plataforma única. Ademais, quedará adaptada para que alí se fagan dotacións provisionais para que se utilice, como ata agora, para as atraccións das Festas da Peregrina e para que sexa compatible co seu uso para a práctica deportiva de skate.
Lores explicou que o "motivo principal" do corte definitivo de Raíña Vitoria é "limitar tráficos de paso" que "distorsionaban o modelo de cidade" de Pontevedra, un modelo que o Concello implanta desde o ano 1999 e que busca recuperar o espazo público, quitar vehículos excesivos, menor contaminación, menos gases, accesibilidade universal, maior seguridade viaria, unha aposta polo comercio local e un maior dinamismo económico.
Lembrou que este corte se fixo durante os momentos máis complicados da pandemia porque "era necesario e imprescindible". No seu momento falouse dun corte temporal que se regulou tamén por un bando que agora deixa de ter validez. Este venres, o alcalde sinalou que "ao mellor non fomos quen de explicalo ben naquel momento", pero xa se buscaba este peche polo seu impacto positivo na "calidade de vida" da xente.
Pasado ano e medio da medida, e despois de contar co aval xudicial, Lores saca peito dos logros conseguidos que xustifican que agora a medida xa sexa definitiva. Informes da Policía Local constatan "unha redución notable de tráfico" en toda a contorna, que "contaba con tráficos de ida e volta que xeraban problemas e para os que temos alternativas de circulación".
O rexedor pontevedrés sinalou que moitas veces estas medidas teñen oposición porque os condutores son "moito de costumes e sempre imos polo mesmo sitio", pero confía en que finalmente a medida teña boa acollida, como xa pasou con peches doutras rúas.
"A xente tamén tiña antes a tendencia a ir por Michelena ou pola rúa Real, ou pola Ferraría", lembrou, sinalou que o peche de Michelena tivo maior oposición e agora ninguén o discute.
Tanto Lores como Loureiro detivéronse a falar da Lei de Cambio Climático, en virtude da que xa se prevé que as cidades teñan que cobrar peaxes por acceder ou esixir coches con etiquetas "eco". Con esta media, buscan evitar ter que aplicar esta medias que supoñen "cobrar ou cobrar" nun momento de crise económica.
Loureiro considera que a medida do peche é "axeitada" e cumpre co modelo de cidade que Castelao leva anos apoiando e destaca que, ademais, mira cara ao futuro. "Os veciños e veciñas non pode ser que se vexan obrigados a mercar un coche eléctrico ou a pagar un imposto por cruzar pola cidade", engade.
Relacionadas:
-
Entran en vigor os cambios de tráfico no Gafos
Por Oskar Viéitez |
-
O cambio de sentido en Ribeira dos Peiraos e dos Gafos completará a reordenación de tráfico en Palamios
Por Redacción |
-
O PP supera as súas expectativas e recolle máis de 4.000 firmas contra o peche de Raíña Vitoria
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Lores, sobre Raíña Vitoria: Era o eixo dun "circuíto" de tráfico que "atascaba toda a cidade"
Por Alejandro Espiño |
-
Evaristo Estévez, promotor do recurso sobre Raíña Vitoria, ve na falta de oposición veciñal un apoio á medida
Por Natalia Puga |
-
A xustiza avala o peche de Raíña Vitoria, que o Concello estuda facer definitivo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |