Moraña e Portas pretenden cooperar en algúns servizos públicos municipais
Por Redacción
Os alcaldes de Moraña e Portas, José Cela e Ricardo Martínez, veñen de manter unha xuntanza institucional na que abordaron a posibilidade de unificar ou cooperar en certos servizos públicos municipais, especialmente no Departamento de Obras aínda que tamén noutras áreas, co obxectivo de mellorar a súa eficiencia.
Así, o rexedor de Moraña convidou ao seu homólogo no marco da rolda de reunións de contacto e presentación que está a celebrar con outros representantes institucionais, pero principalmente cos alcaldes da bisbarra do Ulla-Umia, "xa que somos municipios con moitas cousas en común, especialmente nas necesidades para atender aos veciños, e creo que establecendo sinerxias conxuntas podemos ser máis operativos e darlles unha mellor resposta".
Tras agradecer a presenza de Ricardo Martínez, José Cela indicou que sobre a mesa da reunión estivo a posibilidade de compartir os gastos en recursos públicos, que na área de Obras orientaríanse a mellorar a rede viaria. Nesta liña, indicou que, nos casos desas posibles cooperacións, produciríase un aforro por parte de ambas administracións locais que podería destinarse a novas prestacións para os cidadáns.
Ademais, os dous alcaldes, que se emprazaron a outro contacto próximo para afondar nesta alianza de servizos, tamén avaliaron distintas opcións de colaboración noutros departamentos, como Emprego, Medio Ambiente ou Servizos Sociais, e agardan que estas formas vaian froitificando nos vindeiros meses.
Pola súa banda, José Cela anunciou que nas próximas semanas seguirá vendo a posibilidade de xuntarse cos demais rexedores da bisbarra, en base á súa dispoñibilidade e as axendas de ambas partes, "para ver se podemos colaborar para mellorar aínda máis os servizos públicos e as atencións dos veciños de Moraña e os dos demais concellos da zona".
Relacionadas:
-
Milladoiro dará un concerto gratuíto na Azucreira de Portas
Por Redacción |
-
O taller de emprego de Moraña entra na súa recta final coa intervención en dúas sendas fluviais
Por Redacción |
-
Cumio entre Moraña e Cuntis para reforzar a súa cooperación interterritorial
Por Redacción |
-
Moraña conxela os impostos e taxas municipais para 2021
Por Redacción |