Os problemas de ventilación no Conservatorio de Música Manuel Quiroga chegan ao Parlamento de Galicia
Por Redacción
Desde hai anos, a comunidade educativa do Conservatorio de Música Manuel Quiroga demanda unha solución aos problemas de ventilación e de temperaturas extremas que se rexistran no edificio no que se imparten as clases situado na avenida Juan Carlos I.
Por este motivo, o grupo parlamentario do BNG presentaba este martes unha iniciativa no Parlamento de Galicia para esixir solucións inmediatas a estas deficiencias, que afectan o profesorado e alumnado do centro.
O problema, segundo os nacionalistas, atópase no deseño do edificio ao presentar xanelas batentes que ofrecen unha ventilación case nula das aulas. Ademais, no verán alcánzanse temperaturas superiores aos 35 graos.
Segundo expoñen desde o BNG, con motivo da pandemia, esta situación agrávase creando un risco elevado para a saúde da comunidade educativa e escolar. Neste centro impártense clases de canto e de instrumentos de vento, actividades con alta exposición de aerosois, sen que haxa ventilación destes espazos.
Manu Lourenzo, deputado do BNG, afirma que é urxente resolver este problema e lembra que a consellería de Educación se comprometeu hai anos a adoptar medidas e finalmente só reformou unha xanela de todo o edificio. Tamén o deputado Luís Bará destacou que este conservatorio recibe a alumnado de toda a comarca co perigo que supón no caso de que se produza un contaxio de covid-19 para a súa posterior expansión por outros centros escolares.
Tamén demandan conexión Wi-fi para o centro, unha carencia que impide que se imparta educación a distancia nestes momentos en que as clases por internet poden resultar unha alternativa para frear a pandemia.
Relacionadas:
-
Renovan as fiestras do conservatorio de música Manuel Quiroga
Por Redacción |
-
As aulas do Conservatorio Manuel Quiroga seguen sen ventilación
Por Redacción |
-
O Parlamento demanda á Xunta melloras no conservatorio de música de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
A CIG alerta de problemas de ventilación nas aulas do conservatorio de Manuel Quiroga
Por Redacción |