A humanización do vial de O Santo durará dous meses e medio e terá catro anos de garantía
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo informou que Construcións Castro Figueiro será a empresa encargada da obra de humanización do vial de O Santo en Nantes. Á espera da documentación requirida, a oferta económica será de 210.282 euros o que supón unha rebaixa de case 6.000 euros respecto ao prezo de licitación. Así mesmo, a firma reduce de tres a dous meses e medio o prazo de execución e amplía a garantía da obra aos catro anos.
En canto ás melloras, a oferta gañadora expón actuar na recollida de pluviais e na contorna da capela. O obxectivo dos traballos, que se farán con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, é facer compatible a circulación de vehículos lixeiros coa circulación segura de peóns, proxectando unha calzada en plataforma única de uso mixto, respectando unha contorna con alto valor patrimonial no que existe un cruceiro e unha capela.
Actualmente existe un vial asfaltado moi estreito con beirarrúas tamén moi estreitas, realizadas en baldosa hidráulica e que presentan importantes deficiencias. A actuación, prevista en 140 metros, inclúe tamén melloras no ámbito do saneamento coa dotación dunha nova rede de recollida de pluviais e un novo colector que será instalado polo centro do mesmo.
Pola súa banda, o proxecto da iluminación pública incluirá a instalación dunha nova canalización eléctrica e a renovación dos farois, con iluminación led para mellorar a eficiencia enerxética.
Respecto ao mobiliario urbano, está prevista a instalación de bancos e papeleiras, do mesmo xeito que unha pantalla para reducir o impacto visual dos contedores de lixo. A pavimentación realizarase con laxas de granito, establecendo zonas seguras para os peóns e o pavimento de pedra da zona perimetral da capela limparase de forma manual.
Relacionadas:
-
O acceso a capela do Santo xa é unha nova praza pública
Por Redacción |
-
Inician a humanización do vial do Santo co levantamento do asfalto e o soterramento do cableado
Por Redacción |
-
Sanxenxo humanizará a Rúa do Vento e renovará servizos noutros puntos do municipio
Por Redacción |
-
Sanxenxo saca a licitación a humanización do vial de acceso á capela do Santo
Por Redacción |
-
Sanxenxo acometerá a humanización do vial de acceso á capela de O Santo valorada en 216.272 euros
Por Redacción |