Luisa Piñeiro supervisa o reforzo do firme da PO-308 en Sanxenxo e Portonovo
Por Redacción
A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, visitou este martes as obras de reforzo e mellora do firme da estrada autonómica PO-308 entre as vilas de Sanxenxo e Portonovo, que contan cun investimento de 245.605 euros da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.
A representante autonómica, acompañada do xefe territorial deste departamento, José Luis Díez, e do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, subliñou o "indubidable compromiso da Xunta coa seguridade vial e coa implantación das axeitadas condicións de mobilidade e tráfico, xa que neste momento están previstas cinco actuacións destas mesmas características noutras tantas estradas da provincia por máis dun millón de euros".
Nesta liña, inclúense tamén a PO-223 (Pontevedra-Campo Lameiro), PO-224 (Ponte Bora-San Antoniño), PO-300 (Mosteiro-Cambados) e PO-305 (Saiar-Vilagarcía).
A actuación que se está a desenvolver neste municipio do Salnés comprende dous treitos que suman 1.520 metros de lonxitude e que transcorre entre a glorieta da estación de autobuses de Sanxenxo e o paseo de Baltar, xa en Portonovo. En concreto, estase a proceder ao fresado, de ata dez centímetros, da actual capa de rodadura, xa que presenta certos graos de deterioro e descomposición que fan preciso eliminala antes da dotar a esta estrada dunha mistura bituminosa en quente para a súa nova calzada.
Posteriormente, acometerase a reposición de todas as marcas viais, con máis de 7.000 metros lineais, e pintaranse preto de 750 metros cadrados de superficie para símbolos e cebreados co obxectivo de reforzar a seguridade vial.
Ao remate da visita, Luisa Piñeiro cualificou de "importante" esta mellora na infraestrutura exterior de conexión entre Sanxenxo e Portonovo "polo envellecemento de parte do seu firme e pola necesidade de modernizar esta vía ante a súa elevada Intensidade Media Diaria (IMD) a causa do gran uso da mesma que fan os veciños e tamén os moitos visitantes que acuden regularmente ao municipio".