O PP pide máis facilidades para que as persoas maiores poidan pedir cita previa no ORAL da Deputación
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O PP reclama á Deputación de Pontevedra que revise o sistema de cita previa nas oficinas do ORAL para facilitar a comunicación coas persoas maiores.
O grupo provincial do PP denuncia que hai moitas persoas maiores, principalmente veciños de concellos rurais, que teñen dificultades para solicitar día e hora nos que facer as súas xestións pola fenda dixital e as dificultades do acceso ao internet en moitos concellos do rural.
"Son xente maior que non teñen nin medios dixitais nin coñecementos para facelo", sinala o deputado Javier Tourís, que xa denunciara esta situación no último Pleno da Deputación. Na sesión explicou que hai persoas que percorren máis de 30 quilómetros para achegarse a unha das oficinas do ORAL para facer as súas xestións e, á súa chegada, atópanse con que sen cita previa non os atenden, pero tampouco se lles facilita cita para outro día desde alí.
Esta situación aboca aos cidadáns, segundo o PP, a pagar o servizo dunha asesoría para que llos faga, por iso é polo que piden que se facilite de mecanismos ou se dean as instrucións precisas para que desde a propia oficina poidan solicitar a cita previa.
Ao paso destas críticas saíu o deputado responsable do Servizo do Oral, Carlos Font, quen manifestou a súa sorpresa ante o comunicado dos populares. Pon en dúbida o socialista a existencia destas queixas publicadas pola oposición e asegura que "non teñen constancia de ningunha denuncia".
Ademais alega Font que desde o inicio da pandemia pódese solicitar cita previa a través de Internet, de forma presencial ou por teléfono. "É falso que só se poida facer por internet e, amais, o PP sábeo porque a información se lle facilitou nada máis rematar o pleno da pasada semana", remarca o deputado.
López Font pasou logo ao ataque para recriminar ao goberno autonómico que onde existe desatención é nos centros de saúde de Galicia en plena pandemia. "Ou non che collen ou danche cita para semanas despois", denunciou.