A campaña solidaria de recollida de xoguetes volve poñerse en marcha en Poio
Por Redacción
A concellería de Benestar Social do Concello de Poio volve implicarse un ano máis na campaña solidaria "Un xoguete, un sorriso", que ten como obxectivo facilitar que os nenos das familias máis desfavorecidas do municipio poidan recibir tamén os seus agasallos de Nadal doados de forma altruísta pola cidadanía do municipio.
Cada ano esta campaña resulta todo un éxito. No 2019 recadáronse agasallos para repartir entre medio centenar de familiar para uns 70 pequenos.
Os interesados en colaborar nesta actividade poderán deixar os seus xoguetes nas dependencias da Casa Rosada de luns a venres ata o 27 de novembro. O único requisito é que os xoguetes doados estean limpos e en bo estado. Acéptanse libros , peluches, bonecas ou xogos de mesa entre outros materiais de xogo infantil. "Son xoguetes que, en moitas ocasións, quedan no esquecemento, porque a rapazada medra e amosa interese noutras fórmulas de lecer", sinala a concelleira Rosa Fernández.
Un ano máis, os voluntarios de Protección Civil serán os encargados de repartir estes xoguetes a domicilio empaquetados polos voluntarios da Sociedade Cultural e Deportiva de Samieira.