Afectados pola covid-19 lamentan que o Concello "non sexa consciente" da súa situación
Por Alejandro Espiño
A plataforma de afectados pola covid-19 en Pontevedra lamenta que o goberno municipal, como avanzou este luns a súa portavoz, non baralle suprimir taxas e impostos aos sectores máis prexudicados pola crise económica, máis aló do que cobra polas terrazas da hostalería.
"Creo que non son conscientes da situación actual na que estamos envoltos", sinalou o representante deste colectivo, Jacobo Barragáns, que explicou que tratarán de reunirse en próximas datas con Anabel Gulías para tratar este asunto.
Esta plataforma, que reúne xa a 134 negocios de Pontevedra, reivindica que "como mínimo" o Concello debería devolverlles o que eles consideran que lles cobraron "indebidamente". É dicir, as taxas de auga e lixo durante os meses que estiveron pechados.
Entenden que "non ten sentido" que coa actual crise económica que provocou a pandemia, se lles siga cobrando estas taxas "cando non xeramos lixo algún".
"Noutros concellos suspenderon taxas", lembra Barragáns, que entende que esta postura non só dificulta a supervivencia de negocios actuais senón que "frea" a posible chegada de investidores porque "ven que se lles obrigan a pechar non teñen axudas".
Moito máis contentos saíron os portavoces desta plataforma da reunión coa edil de Promoción económica, Yoya Blanco, á que agradecen a "empatía mostrada" con eles e o seu ofrecemento para colaborar en materia de formación ou dixitalización dos seus establecementos.
A concelleira socialista recoñeceu que este sector, especialmente a hostalería e os autónomos, foi "moi golpeado" pola pandemia e comprometeuse a "estar en contacto" con eles para estudar medidas de apoio.
Para iso, Blanco pediulles "tranquilidade, forza e ánimo" para superar estas adversidades, asegurando que terán a "colaboración total" por parte do seu departamento.
Relacionadas:
-
Queda formalmente constituída a PAC para aglutinar a "calquera cuxa actividade se viu truncada polo covid"
Por Redacción |
-
Centos de hostaleiros de Pontevedra, Marín e Poio berran "basta"
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Cruz Vermella leva atendidas máis de 6.600 persoas na comarca de Pontevedra debido á crise económica
Por Redacción |
-
A hostalería pontevedresa abraza o "delivery" para resistir ao peche
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Flexibilizan as condicións á hostalería para optar á prestación extraordinaria por suspensión de actividade
Por Redacción |
-
Os hostaleiros non poderán acollerse a axuda por cese de actividade se manteñen os repartos a domicilio
Por Manu Otero |
-
RADIO.- Elena Vitoria: "A hostalería é un apoio ao resto do comercio e empresas dunha cidade"
Por Marisa Ciordia |
-
O Concello estuda non cobrar os veladores á hostalería pero non baralla suspender outros impostos
Por Alejandro Espiño |