Unha pontevedresa recupera 3.000 euros que perdeu á saída do banco grazas a un xesto altruísta
Por Redacción
Unha muller protagonizou nos últimos días un xesto altruísta que permitiu a unha cidadá de Pontevedra recuperar 3.000 euros que perdera xusto despois de retiralo dunha entidade bancaria.
A muller acudiu coa súa filla á Comisaría Provincial da Policía Nacional da rúa Joaquín Costa o pasado martes 3 de novembro, entregou un sobre cos citados 3.000 euros e relatou que acababa de atopalo nas inmediacións do banco.
A partir dese momento, os axentes da Policía Nacional abriron unha investigación para localizar ao propietario do diñeiro e descubriron que pertencía a unha muller que esa mesma mañá o sacara do banco.
A muller explicou que retirara ese importe exacto do banco e entregoullo ao seu marido para que o metese no peto interior da cazadora, aínda que finalmente o sobre deslizouse ata o chan sen que se desen conta.
A parella deuse conta de que lles faltaba o diñeiro ao chegar a casa e acudiu á Comisaría. Na sede policial deron detalles sobre a distribución dos billetes que había no sobre e o percorrido que fixeran esa mañá e achegaron unha factura polo importe dos 3.000 euros en cuestión.
Finalmente, esa mesma tarde puideron recuperar o diñeiro perdido.