Virxinia Pereira, "garante" do legado político e artístico de Castelao, ocupará o lugar de Juan Carlos I en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
A Avenida Xoán Carlos I, que cambiará de denominación pola conduta "pouco edificante" e "absolutamente inaceptable" do rei emérito, segundo destacou o goberno municipal, terá un novo nome. A elixida para esta homenaxe será Virxinia Pereira Renda.
Virxinia Pereira, viúva de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, representa a "antítese" de Juan Carlos I, segundo defendeu a concelleira de Cultura, Carmen Fouces.
Esta muller "galeguista" foi a "garante" do legado político e artístico de Castelao e a persoa que máis loitou, ata conseguilo, para que a maior parte da obra do seu marido e dos bens que ambos compartiron fosen depositados no Museo de Pontevedra.
Pero máis aló do seu labor de protección deste legado, Virxinia Pereira caracterizouse por ser unha muller "que antepuxo o servizo ao seu país por riba do seu benestar persoal", lembrou a edil nacionalista. "Perdeuno todo menos a dignidade", dixo.
O réxime franquista tentou "silenciar sen éxito" a obra de Castelao e a súa compañeira "sacrificou o seu status social", a vida "cómoda" da que viña e todo o seu patrimonio "para poñelo ao servizo dun ideario e dun soño".
Foi, engade o goberno municipal, unha muller "rexia e valente" que nunca renunciou aos ideais "galeguistas e republicanos" que compartía con Castelao. Despois da morte do seu marido, sinalou Carmen Fouces, converteuse na "máis firme defensora" do seu legado.
"Desde o goberno de Pontevedra estamos moi orgullosos da xusta homenaxe que lle rendemos a Virxinia Pereira Renda e tamén moi satisfeitos do exercicio de hixiene democrática que supón a retirada da rúa a Juan Carlos I", concluíu a edil do BNG.
Relacionadas:
-
Juan Carlos I, expulsado do rueiro de Pontevedra: "É un acto de xustiza, decencia e hixiene democrática"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Non haberá rastro de Juan Carlos I no rueiro de Pontevedra a partir de febreiro
Por Alejandro Espiño |
-
Castelao, da man da conservadora do Museo Ángeles Tilve, abre o Congreso 'Encontros Museísticos. As coleccións do exilio'
Por Redacción |
-
Pontevedra retira honras ao rei emérito e cambia o nome da Avenida Juan Carlos I
Por Alejandro Espiño |
-
Presentan o libro sobre Virxinia Pereira, a esposa de Castelao, que loitou porque as súas obras quedaran no Museo de Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Pontevedra homenaxea a Virxinia Pereira
Por Cristina Saiz |
-
O PP rexeita denominar Virxinia Pereira ao rehabilitado edificio da Xunta en Benito Corbal
Por Anxo Lourido |
-
Propoñen que o edificio da Xunta en Benito Corbal leve o nome de Virxinia Pereira
Por Redacción |