Sanxenxo rozará os 100.000 euros de investimento na súa iluminación de Nadal
Por Redacción
O próximo 5 de decembro, a iluminación do Nadal iluminará as rúas de Sanxenxo, Vilalonga e Portonovo e os principais núcleos de todas as parroquias. Será instalado pola compañía Creaciones Luminosas S.L., con sede en Tui, que recibirá 96.921 euros do Concello.
O goberno local destaca que aposta por un Nadal diferente e por unha proposta decorativa innovadora con recunchos do Nadal e máis de 262 elementos que permanecerán nas rúas e espazos públicos ata o 10 de xaneiro.
Non haberá Cabalgata de Reis pero si algunha alternativa para que a maxia do Nadal non se vexa embazada para os máis pequenos da casa, aseguran desde o executivo municipal.
A principal novidade decorativa serán os recunchos do Nadal que se estenderán polos distintos lugares do municipio e que permitirán aos veciños elaborar as súas propias postais.
En Sanxenxo unha gran bóla presidirá a Praza dos Barcos e decoraranse os catro árbores da Praza Pascual Veiga con bólas luminosas. A entrada ao consistorio municipal, decorarase cunha composición formada por un marco espello, unha cadeira de brazos e un cono luminoso de catro metros
Portonovo contará con dous recunchos de Nadal, un no Espiñeiro formado por un gran oso e outro ao final da Avenida Rafael Picó, preto da parada de taxis, cunha familia de cervos. Iluminarase con arcos a contorna da igrexa e as rotondas de Baltar, Portonovo e o porto.
En Vilalonga, o recuncho de Nadal estará formado por unha caixa de correos e unha familia na Praza Pública. As luces do Nadal reservaranse para as rotondas con dúas árbores de 8 e 12 metros de altura.
En Bordóns, a praza de Manuel Cortés estará presidida por un boneco de neve e iluminaranse as rotondas de Areas e a subida á igrexa. En Dorrón, darase protagonismo á estrada principal Outeiro-Carballeira con báculos luminosos. Á entrada do centro educativo colocarase unha gran figura de Papa Noel.
En Nantes iluminaranse as zonas máis poboadas como o ano pasado e crearase un recuncho do Nadal cunha familia de cervos na contorna do parque. En Noalla, por último, unha árbore de 12 metros e unha familia de cervos serán os protagonistas da súa decoración do Nadal.
Relacionadas:
-
Melchor, Gaspar e Baltasar cambian a cabalgata por unha recepción no porto deportivo
Por Redacción |
-
Sábado de iluminación de Nadal nas sete parroquias de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Meaño adianta o Nadal e ilumina un corazón na praza nova de Dena
Por Redacción |
-
Un Nadal alternativo en Poio para adaptarse ao contexto da covid-19
Por Redacción |
-
O PSOE de Sanxenxo quere que o Concello se esforce por salvar o comercio local tanto como o turismo
Por Redacción |
-
A iluminación de Nadal de Sanxenxo incluirá 'recunchos de Nadal' por todo o municipio
Por Alejandro Espiño |