A OTAN recoñece á Brilat como unidade de referencia no tratamento de feridos en combate
Por Oskar Viéitez
O fundador da Asociación de Cirurxiáns Militares dos Estados Unidos, Nicholas Senn, dixo a finais do século XIX unha frase que, hoxe en día, segue tendo vixencia entre os militares "o destino do ferido está en mans de quen fai a primeira cura".
Os exércitos de todo o mundo saben que unha adecuada e precisa actuación por parte do primeiro interveniente é vital para preservar a vida do ferido e aumentar as probabilidades de supervivencia.
Por este motivo, desde hai moitos anos considérase necesario que persoal non facultativo das unidades de combate dispoña dos coñecementos adecuados en materia sanitaria táctica, coñecementos que permitan unha atención inmediata aos feridos en combate ata que poidan ser atendidos ou evacuados sobre formacións sanitarias, tipo postos de socorro ou hospitais de campaña, que normalmente están situadas máis a retagarda.
Dentro do ámbito da Forza Terrestre do Exército de Terra, a Brilat foi designada pola OTAN como unidade de referencia para a preparación en todo o relacionado co tratamento de feridos en combate. Esta designación conleva a organización e execución de actividades formativas teórico-prácticas relacionadas coa devandita capacidade.
Para poder levar a cabo este labor, a Brilat inaugurou recentemente a aula de simulación sanitaria Cabo Idoia Rodríguez Buján. Esta aula de simulación e formación sanitaria conta, desde hai unhas semanas, coa certificación que expide a Asociación Nacional de Técnicos Médicos de Emerxencia (NAEMT nas súas siglas en inglés), asociación recoñecida como líder mundial en educación para os profesionais de emerxencias sanitarias, entre os que se inclúe tamén a asistencia de emerxencias en situacións de combate.
Asumindo este reto formativo, entre os días 16 e 20 de novembro van levar a cabo na Base Xeneral Morillo as xornadas de actualización "Tratamento de feridos en combate" nas que participará persoal de diferentes unidades do Exército de Terra.
O propósito destas xornadas é capacitar ao alumno para responder correctamente as necesidades asistenciais que requira o ferido nunha situación de combate. Para iso faranse talleres prácticos, diferentes simulacións, estacións de habilidades, e estudaranse casos e exercicios en situacións tácticas con baixas.
O que se busca é poñer en práctica as técnicas e habilidades necesarias para que un combatente poida estabilizar a unha baixa en combate, ata que esta poida ser evacuada ou tratada por persoal sanitario.
Relacionadas:
-
O coronel Miguel Constantino Cortés Calvo toma posesión como delegado de Defensa en Pontevedra
Por Redacción |
-
A Brilat conmemora a Inmaculada Concepción con distanciamento e máscaras sanitarias
Por Redacción |
-
O BNG de Vilaboa, disposto a "boicotear" as accións do Concello para promocionar a cultura militar coa Brilat
Por Redacción |
-
Patrullas da Brilat completan o Camiño de Santiago na súa tradicional competición militar
Por Redacción |