25N | A Lama, "plenamente comprometida" na erradicación da violencia machista
Por Redacción
Coa lectura dun manifesto no salón de actos da casa consistorial celebrouse na Lama este 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller. Nesta xornada, todo o municipio reiterou o rexeitamento máis absoluto cara a violencia machista.
As técnicas do CIM, Adriana Fontaíña e Galiza Aguete, foron as que leron este escrito no que, entre outras cousas, ofreceuse apoio e solidariedade coas vítimas e no que tamén se amosou a total repulsa cara os maltratadores.
Tamén se esixiu a todas as administracións que redobren os seus esforzos para rematar de maneira definitiva con esta lacra social, da que 41 mulleres foron vítimas no que levamos de ano en España.
O alcalde da Lama, Jorge Canda, destacou que o Concello está "plenamente comprometido" en erradicar a violencia de xénero así como na defensa e fomento da igualdade de xénero, e traballa de xeito transversal nesta materia durante os 365 días do ano.
"Dende aquí queremos convidar aos nosos veciños e veciñas e a toda a sociedade en xeral a condenar de maneira unánime a violencia machista", engadiu o alcalde.
Ademais deste acto, o Centro de Información á Muller da Lama levou a cabo a pasada semana un programa de actividades dirixidos ao alumnado do CEIP da Lama, formado por pequenos talleres centrados na prevención da violencia, no fomento da igualdade, a diversidade afectivo e sexual e o desenvolvemento da identidade de xénero.