Reforzo da seguridade e mellora das infraestruturas para un Xacobeo 2021 con todas as garantías
Por Redacción
A situación sanitaria levou á Xunta de Galicia a realizar un esforzo para reformular o Xacobeo 2021 co fin de que todos os visitantes poidan achegarse ao Camiño de Santiago con todas as garantías.
A Xunta realizará no Xacobeo 2021 un investimento de 85,6 millóns de euros que se destinarán a ámbitos como a programación de actividades, a seguridade, a promoción ou a mellora de infraestruturas e paisaxes na Ruta Xacobea.
Deste total, 61,7 millóns de euros corresponden á Vicepresidencia primeira da Xunta e, os restantes, a orzamentos doutras consellerías que van acometer actuacións directamente relacionadas co Ano Santo.
O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, explicaba no Parlamento as contas do seu departamento para 2021, que superarán os 392 millóns de euros. A partida máis importante volverá a destinarse á Administración de Xustiza, mentres que a suba porcentual máis destacada será a do turismo, un sector especialmente afectado pola pandemia e no que a Xunta está a desenvolver accións para lograr a súa reactivación.
Alfonso Rueda referíase ao Xacobeo 2021 como "diferente, pero o mellor dos posibles" e unha oportunidade para contribuír a fomentar a plena actividade no sector turístico.
CAMIÑO SEGURO
Un dos ámbitos nos que a Xunta enfocará o seu orzamento para o Xacobeo 2021 é o da seguridade, tanto a sanitaria como a xeral, facendo fincapé na Catedral de Santiago e na súa contorna, así como o reforzo da vixilancia en diferentes treitos de paso dos peregrinos.
O Goberno galego deseñou unha estratexia de medidas de seguridade e prevención fronte á covid-19 no Camiño de Santiago e así minimizar os riscos de contaxio nos concellos que atravesa a ruta, co obxectivo de que todos os visitantes teñan garantido un Camiño Seguro.
Neste sentido, desenvolveuse o plan de continxencia para os corredores peonís seguros, que reúne as directrices fronte ao coronavirus elaboradas polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) para aplicar nos 11 concellos galegos polos que discorre o Camiño Francés, e que se estenderá ás demais rutas do Camiño de Santiago.
O proxecto de corredores peonís seguros inclúe recomendacións para que as entidades locais poidan aplicalas nas súas instalacións e servizos turísticos sobre os protocolos de prevención ante a covid-19 en canto ao distanciamento e control de aforo, limpeza e desinfección, información aos peregrinos e actuacións ante casos de infección. Ademais, contempla análises das zonas de risco ao longo do Camiño, así como a identificación dos espazos públicos singulares no trazado e os riscos nos distintos servizos públicos prestados aos camiñantes.
MELLORA DO CAMIÑO E ACTIVIDADES DE PROMOCIÓN
Sentadas as bases dunha Ruta segura, o Goberno autonómico, a través do orzamento do Xacobeo, segue co traballo de mellora das infraestruturas e a paisaxe, co remate do Plan Director do Camiño 20215-2021 e a ampliación da rede pública de albergues no Camiño de Santiago.
Outro ámbito no que enfocarán as contas do Xacobeo será o da promoción, co fin de atraer visitantes e promover a participación a través das máis de 200 actividades que configurarán a programación cultural e de lecer do Xacobeo 2021. Neste aspecto, fomentaranse iniciativas destinadas a toda a sociedade galega, como "O teu Xacobeo".
OPORTUNIDADE PARA O SECTOR TURÍSTICO
A Xunta de Galicia traballa para que o Xacobeo 2021 contribúa á recuperación do sector turístico. Para este fin, o Goberno galego consignará 35,7 millóns de euros destinados á posta en marcha dun Plan de choque que incluirá a creación de medidas específicas, como a contratación do chamado "seguro coronavirus", que cubriría gastos sanitarios, transporte e aloxamento derivados da posible situación de contaxio, tanto para os viaxeiros como para o acompañante. Tamén cubriría a súa estadía no caso de ter que facer unha corentena.
O Plan de choque para a recuperación do sector turístico actuará en máis eixos: axudas directas para incentivar o consumo, con medidas como o Bono turístico ou o programa Elixe Galicia; actuacións para potenciar Galicia como un destino seguro, a través do mencionado seguro ou a elaboración de plans de continxencia; promoción de produtos turísticos que poidan ter unha mellor evolución no escenario actual, como a natureza ou o termalismo; e o impulso á formación e fomento da oferta turística de calidade.
En total, a Axencia de Turismo de Galicia contará cun orzamento de 112,5 millóns de euros, o que supón un incremento do 52,3% respecto ao exercicio do ano anterior.
Relacionadas:
-
A Xunta reactiva o programa Elixe Galicia, que comezará as viaxes a partir do vindeiro 30 de maio
Por Oskar Viéitez |
-
Albergues abertos pero sen peregrinos
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Investirán 430.000 euros para mellorar a eficiencia enerxética do albergue de peregrinos
Por Cristina Saiz |
-
O Xacobeo 2021 xa ilumina Pontevedra
Por Redacción |