Alertan da presenza en Pontevedra de falsos revisores do gas
Por Redacción
Moito ollo a quen lle abrimos a porta de casa. A Policía Nacional alerta da presenza na cidade de Pontevedra de falsos revisores do gas que piden grandes cantidades de diñeiro por comprobar o estado das súas instalacións.
Estes falsos revisores, segundo as autoridades, preséntanse nos domicilios tras realizar unha chamada previa para comunicarlle ao propietario que é pertinente levar a cabo unha revisión da instalación do gas.
Nos dous casos denunciados en Pontevedra, ás vivendas -ambas as do rural- acudiu un mozo duns 30 anos que vestía pantalóns de traballo de cor negra.
A unha das vítimas da estafa solicitoulle 357,77 euros por unha presunta revisión na que en teoría cambiou tres válvulas por atopase supostamente defectuosas.
No outro caso, por un cambio de válvulas na caldeira para presuntamente evitar un exceso de presión, cobroulle ao propietario da vivenda 297,27 euros.
A Policía Nacional iniciou unha investigación para pescudar a identidade deste falso técnico. A empresa á que presuntamente pertencía negou enviar a traballador algún, polo que recomendan que se consulte á compañía se se reciben esas visitas
Ante a presenza destes estafadores en Pontevedra, a Policía Nacional advirte aos cidadáns que extremen as precaucións, sobre todo as persoas maiores que viven soas e que resultan ser as vítimas habituais.