A Raxofesta do Barro CF trasládase á hostalería local
Por Redacción
A situación sanitaria non detén a que será a quinta edición da Raxofesta, organizada polo Barro Club de Fútbol. O que si obriga é a reformulala.
Os responsables da entidade deportiva presentaron unha nova edición da festa, que para evitar aglomeracións incompatibles coa pandemia actual trasládase á hostalería local.
"O evento foi pensado para recadar fondos para o club e, deste xeito, conseguimos non só mantelo senón que ademais priorizamos as degustacións na hostalería sen ningún tipo de contraprestación máis aló da venda de participacións da nosa lotería nos locais", explicou o presidente do Barro CF, José Sanmartín.
Un total de 13 establecementos participarán na Raxofesta os días 12 e 13 de decembro, coa opción de consumir no local ou pedir comida para levar, en concreto diferentes elaboracións de raxo. Ademais xunto á parte gastronómica realizarase un sorteo en cada local con vales de compra e agasallos doados por distintos establecementos do municipio.
Segundo explicaron os organizadores será necesario facer reservas con antelación antes do venres día 11 para facilitar a organización dos locais participantes.
A V Raxofesta do Barro CF contará ademais cun pregón a través das redes sociais ás 13.00 horas do sábado 12 de decembro, e tamén cun concerto por 'streaming' a cargo dos Beade Brothers, o domingo día 13 ás 20.30 horas.