Pontevedra quere xuntar Policía Local e Bombeiros nun novo edificio para Emerxencias
Por Alejandro Espiño
As actuais dependencias da Policía Local e Bombeiros, nos baixos do Pazo da Cultura e en Domingo Fontán respectivamente, quedaron pequenas. Non é algo novo, recoñece o goberno municipal, pero as necesidades creadas pola covid-19 agudizaron o problema.
Ampliar as súas instalacións ou reordenar espazos é cada vez máis complicado, xa que ambos os dous cuarteis apenas dan máis de si. Por iso, o Concello anunciou a súa intención de construír un novo edificio destinado unicamente ás emerxencias municipais.
Neste inmoble estarían a Policía Local e o corpo municipal de Bombeiros, segundo avanzou este mércores a edil de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde.
O primeiro paso para este proxecto é a bsuca dos terreos adecuados, sempre no termo municipal de Pontevedra e o máis próximo posible ao núcleo urbano.
O Concello contratará un estudo, para o que reservou uns 15.000 euros, para identificar cal sería a mellor parcela para construír esta nova sede para as emerxencias municipais. Nesta sondaxe incluiranse tamén terreos tanto de ámbito público como privado.
O traballo de campo, que deberá estar terminado nun prazo de catro meses desde que se contrate, terá que analizar as necesidades de espazo de ambos os servizos e todas as "variables", engadiu Vilaverde, que poidan determinar cal é a mellor localización.
Así, entre outras cuestións, os responsables do estudo deberán ter en conta a distancia da parcela ata os principais núcleos de actividade, os tempos de reacción de ambos os servizos, a accesibilidade dos terreos ou as súas conexións con vías de alta capacidade.
Que non estean preto de centros sanitarios ou educativos por tema de ruído, que eviten zonas de aglomeracións ou áreas peonís e que permitan optimizar os recursos de Policía Local e Bombeiros serán outros dos aspectos para analizar neste estudo.
Nestes momentos, a Policía Local conta con 101 axentes tras as últimas incorporacións e os Bombeiros teñen cubertas 38 das súas prazas.
Se o Concello logra atopar uns terreos óptimos para este proxecto "esa será a solución que busquemos", explicou a concelleira nacionalista, en lugar de seguir ampliando as actuais instalacións que, de xeito evidente, "quedaron pequenas co paso do tempo".
Aínda que o estudo centrarase nas necesidades da Policía Local e os Bombeiros, desde o Concello non descartan incluír tamén neste edificio a Protección Civil, que actualmente ten as súas dependencias no estadio municipal de Pasarón.