Adxudican as obras para a mellora do pavimento e organizar o tráfico na contorna do Centro de Saúde
Por Redacción
A empresa Caldevergazo SL será a encargada de acometer as obras de mellora en toda a contorna do Centro de Saúde de Ponte Caldelas. Esta entidade presentaba a oferta máis vantaxosa entre as cinco propostas realizadas, ao establecer un orzamento de 22.800 euros e catro anos de garantía.
A intención do Concello de Ponte Caldelas é realizar neste mesmo ano unha actuación integral en toda esta zona céntrica situada na parte posterior do edificio do Concello. A superficie de actuación atópase preto dos 2.000 metros cadrados e actualmente é un espazo que conta con moito tráfico de vehículos, que desgastou o pavimento.
A intervención centrarase en aplicar unha nova capa de rodadura a toda esta superficie e reordenar os aparcamentos e a circulación con nova sinalización horizontal e vertical. Ademais, o goberno local anuncia que se fará unha limpeza mecánica do actual firme e demolerase unha pequena superficie que ten pavimento de formigón. Tamén se poñerán a cota as tapas de pozos e arquetas.
Para garantir a seguridade peonil e do tráfico, a obra concluirá co pintado da sinalización horizontal, realizado con pintura reflexiva con microesferas de vidro, e a instalación de sinais verticais.