Ter un porto máis operativo, reto marcado por Feijóo a Cores Tourís ao tomar posesión da presidencia da Autoridade Portuaria de Vilagarcía
Por Redacción
Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, asistía na tarde deste venres á toma de posesión de José Manuel Cores Tourís como novo presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa nun acto en que non se permitiu o acceso á prensa.
O máximo mandatario autonómico sinalou como reto para o novo cargo que traballe por un porto máis operativo e eficiente. Nesta liña, pediulle a Cores Tourís, anterior delegado territorial da Xunta en Pontevedra, que incremente o calado da canle de entrada e das dársenas do porto; a reordenación interior dos espazos portuarios para gañar zona de almacenamento e profundar na diferenza entre porto comercial, industrial e o porto para a cidadanía. Outra das propostas centrouse na mellora de servizos a través de iniciativas Smart.
Núñez Feijóo garantiulle ao presidente portuario que para asumir estas propostas contará coa colaboración activa da administración autonómica, do mesmo xeito que o resto de Portos de interese xeral do Estado.
O presidente autonómico agradeceu o traballo desenvolvido por Sagrario Franco, antecesora no cargo. Destacou que o seu mandato permitira mellorar a capacidade do Porto de Ferrazo; a posta en marcha do ferrocarril ata o peirao, coa ampliación do servizo ata os peiraos Comercial e Comboa. Tamén destacou a integración lograda entre o porto e a vila.
Ao acto tamén asistían Maica Larriba, subdelegada del Gobierno en Pontevedra; Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía de Arousa e Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia, entre outras autoridades.
Relacionadas:
-
O porto de Vilagarcía pecha xullo cun aumento do tráfico de mercadorías xerais do 40% con respecto a 2020
Por Redacción |
-
Cores Tourís, novo presidente do porto de Vilagarcía
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Luisa Piñeiro, actual alcaldesa de Moraña, substituirá a Cores Tourís como delegada da Xunta en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |