Consolidan os piares da vella pontella de Portamuíños ante o risco de esborralle
Por Redacción
Un informe técnico, tras as denuncias dos veciños e do BNG, concluíu que existía risco de que a vella pontella de Pontemuíños esborrallara. De aí que o goberno municipal de Cerdedo-Cotobade ordenara a súa reparación de urxencia.
A estrutura estaba moi afectada polo influxo das correntes do río do Seixo, que pasa por debaixo deste viaduto, que se atopa na baixada do camiño enlousado de pedra do Rapenlo.
O risco proviña da desaparición dunha das pedras que conforman a tallamar da ponte de pedra, que data do ano 1933, e que a ameazaba de derrubo. A pedra quedara desprazada varios metros no leito do río, preto da pontella.
Así, houbo que asegurar a construción e a estabilidade do viaduto coa participación dun canteiro experimentado que colocou as pezas cunha traba correcta e axeitada ao tipo de elemento construtivo.