A atención á Hepatite C polo servizo dixestivo do Complexo Hospitalario de Pontevedra acada o 'Best in class 2020'
Por Redacción
O Servizo do Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) recibiu o galardón nacional Best in Class 2020 pola atención asistencial á Hepatite C. Trátase dun premio convocado pola Gaceta Médica en colaboración coa Cátedra de Innovación e Xestión Sanitaria da Universidade Rey Juan Carlos para recoñecer aos centros sanitarios que buscan a excelencia na atención que prestan aos seus pacientes.
A entrega realizábase este xoves a través dunha Gala Virtual en Youtube desta 15 edición dos premios. A concesión destes premios baséase sobre todo na puntuación obtida polas distintas candidaturas co Índice de Calidade Asistencial ao Paciente, derivado dos cuestionarios de autoavaliación.
Desde 2015, este servizo do aparello dixestivo desenvolve unha planificación co obxectivo de que calquera paciente teña a posibilidade de curarse de Hepatite C, unha patoloxía moi grave, coñecida como a pandemia silenciosa, xa que non presenta síntomas ata que se atopa moi avanzada.
A enfermidade afecta a máis de 7 millóns de persoas no mundo e é a principal causa de cirrosis hepática, cancro de fígado e provoca a necesidade de someterse a un trasplante hepático.
O servizo do CHUP suma un total de 916 pacientes tratados, dos que máis do 98% xa están curados. Ademais, o Sergas estima que a cifra de pacientes con Hepatite C non diagnosticados na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés reduciuse nun 90% nos últimos anos.
Entenden que foi grazas aos programas de diagnóstico e tratamento postos en marcha durante este lustro coa creación de circuítos de identificación de novos casos e acceso rápido a tratamentos; a implantación pioneira en Galicia de diagnóstico cunha única mostra de sangue da man do Servizo de Microbiología; o acceso aos ensaios clínicos e o uso da intelixencia artifical no marco do programa FOCUS Galicia.
Relacionadas:
-
Os servizos de Dermatoloxía e Dixestivo da área sanitaria e o Ambulatorio Virxe Peregrina, os 'Best in Class' de España
Por Redacción |
-
O Servizo do Aparello Dixestivo do CHUP xa é referente nacional na atención á hepatite C
Por María José Pita |
-
O Sergas substitúe a María Cobas por Yolanda Lesmes á fronte do departamento de Recursos Humanos en Pontevedra e O Salnés
Por Redacción |
-
A atención á hepatite C na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés é "a mellor na súa clase"
Por María José Pita |