Ponte Caldelas cambia a pechadura do centro cultural de Forzáns entre críticas ao líder do PP por non cumprir as normas anti covid-19
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Concello de Ponte Caldelas cambiou este martes a pechadura do centro cultural de Forzáns ao detectar un uso indebido das instalacións e criticou a actitude do presidente da asociación de veciños O Torreiro de Forzáns e candidato do PP no municipio, Antón Xil.
O centro social é de titularidade municipal e Antón Xil tiña chaves en calidade de presidente da asociación cultural. Agora, cambiárona pola súa "irresponsabilidade" en relación co cumprimento das medidas necesarias para frear a expansión da covid-19.
En concreto, critican que Antón xIL autorizou cursos e, nos últimos días, o acceso a unhas prácticas regradas dun curso de formación no local social e fíxoo "sen ningún tipo de autorización do Concello de Ponte Caldelas, sen desinfección e sen ningún tipo de protocolo, cando sabe que están prohibidas pola covid-19 as actividades en todos os locais sociais municipais".
Segundo explicou o Concello, a pesar de ser a administración responsable do edificio, tivo que enterarse a través das redes sociais da realización destas actividades, que non foran comunicadas previamente.
"Coa saúde dos meus veciños non se xoga, por moito politiqueo barato que queira facer o candidato do PP", criticou o alcalde, Andrés Diaz.
O rexedor insiste en que non permitirá "que ninguén poña en risco a vida dos veciños de Forzáns", por iso é polo que se decidiu o cambio das pechaduras. A chave estará no Concello á disposición dos veciños de Forzáns.
A resposta da Cultural de Forzáns non se fixo esperar. Nun comunicado, aseguran que non se realiza ningún curso nestas instalacións desde o mes de marzo e que ao interior do inmoble accederon esta semana tres alumnos do Forga para realizar labores de limpeza e desinfección como exercicio práctico do curso de capacitación profesional que cursan nas instalacións do Forga, no polígono da Reigosa.
Por iso, desde o colectivo veciñal aseguran que levarán a cabo todas as accións necesarias para garantir que este centro siga estando ao dispor dos veciños da parroquia.