A veciñanza de Campo Lameiro doa dúas toneladas e media de alimentos e xoguetes
Por Redacción
A solidariedade da veciñanza de Campo Lameiro reuniu dúas toneladas e media de alimentos non perecedeiros e xoguetes nunha campaña de recadación impulsada polo párroco Fermín Santiago, coa colaboración do Concello, nas seis parroquias que conforman a unidade pastoral.
Estes 2.500 quilos de alimentos serán entregados aos servizos sociais do Concello onde as técnicas municipais encargaranse de realizar o reparto entre aqueles usuarios deste departamento que estean en situación de emerxencia social.
Pese ás limitacións derivadas das restricións marcadas pola nova normalidade pola pandemia da covid-19 a veciñanza de Campo Lameiro respondeu de xeito moi positivo fornecendo as reservas de alimentos non perecedeiros de que dispón o banco local de servizos sociais.
O cura párroco, Fermín Santiago, amosouse moi agradecido pola solidariedade demostrada polos seus fregueses e tamén salientou a colaboración do Concello na realización desta nova colecta solidaria.
Por outra banda, desde o Concello animaron a que calquera persoa en situación de especial vulnerabilidade económica e que considere que necesita da atención dos servizos sociais que se dirixa ás dependencias municipais onde as técnicas lle prestarán toda a colaboración que precisen.