Galicia crea o 'seguro coronavirus' para garantía dos turistas e axuda na recuperación do sector
Por Redacción
A Xunta anuncia unha inversión de 1,2 millóns de euros no 'seguro coronavirus' que estará a disposición dos turistas que veñan a Galicia. A posta en marcha desta iniciativa encádrase na estratexia para a recuperación do sector turístico impulsada polo Goberno galego, e que se estende ás medidas tomadas para que o Xacobeo 2021 contribúa á recuperación do sector turístico.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, anunciaba na rolda de prensa posterior á última reunión do Consello da Xunta antes do Nadal esta medida que, segundo explicaba, entrará en vigor a partir do primeiro trimestre de 2021 e "cubrirá todos os custos médicos, cirúrxicos, farmacéuticos e de hospitalización" no caso de infección por coronavirus e, tamén se o viaxeiro tivese que gardar corentena por prescrición médica, aínda sen ser positivo.
O vicepresidente primeiro detallaba que non será preciso solicitalo e que terá activo un servizo de atención telefónica 24 horas ao día en galego, castelán e inglés. Ademais todos os casos positivos que se reporten alí terán que ser coñecidos e validados pola Consellería de Sanidade.
A maiores, Rueda explicou que a única condición é que o viaxeiro non tivera contraído a enfermidade antes de chegar a Galicia e que non fixese a viaxe naquelas situacións nas que estea, de ser o caso, desaconsellado o desprazamento ou prohibido polas autoridades sanitarias en orixe.
Esta iniciativa enmárcase no 'Plan de choque de reforzo do sector turístico', que, cunha dotación de 35,7 millóns de euros, incluirá outras medidas como incentivos ao consumo ou apoio aos operadores turísticos para a creación de paquetes atractivos no contexto da pandemia.
O vicepresidente primeiro insiste en que o 'seguro coronavirus' se trata dunha medida nova coa que "estamos reforzando esa sensación que ten que ser real de destino seguro e, sobre todo, de recuperación da confianza do viaxeiro nestes momentos tan complicados para o turismo e ás portas do Xacobeo cremos que é fundamental para calquera persoa que se estea plantexando vir".
BOA ACOLLIDA NO SECTOR
Desde a axencia de viaxes Tee Travel, a súa directora-xerente Mar Rodríguez comenta que "nós como axencia receptiva, que estamos especializados en traer xente de fóra a Galicia para facer o Camiño de Santiago, realmente o dar esta seguridade, o transmitir que en Galicia esas persoas van estar cun seguro que os vai a protexer e que xa desde a Administración se preocupan de que estean tranquilos gozando da viaxe, vémolo completamente positivo, sen dúbida ningunha".
A Xunta xa notificou ás axencias que se vai poñer en marcha o 'seguro coronavirus' para o primeiro trimestre de 2021 e en breve pecharase a normativa para acceder a este servizo. Con todo, desde Tee Travel confirman que "xa estamos a recibir reservas, porque traballamos moito con mercados estranxeiros, e estámoslles informando de que vai haber un seguro" de modo que para o viaxeiro saber que vai ter calquera incidencia relativa á covid-19 cuberta xa é unha garantía e un motivo máis de confianza para elixir Galicia como destino.
Neste sentido, Mar Rodríguez apunta a que "o comentamos a nivel interno co persoal da oficina e vírono moi ben, como unha arma de defensa mesmo nunha comparativa con outras Comunidades Autónomas, pois o feito de que lles digas aos clientes que Galicia, que ademais é o destino final do Camiño e que este será Ano Xacobeo, ofrece unha seguridade engadida, é algo do que te sentes orgullosa de poder transmitir".
A directora-xerente desta axencia de viaxes, con sedes en Vilagarcía, Compostela e Sarria, ofrécenos un perfil do tipo de turista que accede aos seus servizos e que nos pode orientar sobre a tipoloxía do viaxeiro que se acollerá ao seguro coronavirus: "procedencia temos dos cinco continentes e o que é o perfil do turista en termos xerais podemos dicir que é unha persoa de entre 40 e 70 anos, xente urbanita, que vive en cidades, pero que á hora de elixir as súas vacacións gústalles este tipo de viaxes, xa non soamente por temas culturais senón pola experiencia en si, unha persoa viaxada, e que busca a profundidade do Camiño".