Moraña terá un orzamento de 2,2 millóns en 2021, a quinta parte para políticas sociais
Por Redacción
Ata os 2.213.003 euros, un 3,5% más que o ano pasado, irá o orzamento municipal de Moraña para 2021. O Concello destaca que son unhas contas con profundo contido social. Un de cada cinco euros destinaranse a políticas sociais, sobre todo ao servizo de axuda no fogar.
A partida de servizos sociais increméntase nun 35,7% dende os 358.201 euros empregados nesta área no ano actual ata alcanzar os 486.114 euros.
"Sempre tivemos un forte compromiso cos servizos sociais e unhas boas ratios, prestacións e atencións aos cidadáns, pero estamos a redobrar o esforzo, xa que cremos que é a gran prioridade nestes momentos dentro das nosas competencias", explicou o alcalde, José Cela.
O investimento por habitante nesta área será de 115 euros, que permitirá segundo Cela "atender a quen máis o necesita" e lograr que "ninguén quede atrás", especialmente os maiores, os dependentes, as persoas en risco de exclusión e os colectivos máis vulnerables.
A principal novidade das contas pasa polo incremento dos gastos correntes en bens e servizos para facer fronte ao servizo de axuda no fogar, que aumenta en 126.530 euros.
Polo demais, a previsión económica recolle, nos capítulos de ingresos, 939.430 euros entre todos os impostos, o que deixará fixada a presión fiscal en 224,7 euros por veciño ao ano.
No apartado de gastos, Moraña ten fixados 516.000 euros para gastos de persoal, que simplemente recollen a suba do 0,9% legal para os traballadores e que supón o 23,3% do total do orzamento 2021, destacan desde o goberno municipal.
O Plan de Investimentos 2020 non aparece detallado no orzamento, xa que o Concello quere coñecer antes os proxectos doutras administracións e a viabilidade de certas negociacións que ten en marcha, polo que se dará a coñecer no primeiro bimestre do próximo ano.