A Fracha amplía o seu proxecto de recuperación forestal cun circuíto ciclista
Por María José Pita
O Parque Forestal da Fracha contará no verán de 2021 cun circuíto ciclista de descenso. A previsión é poder rematalo mesmo antes, na primavera, ao mesmo tempo que se habilitan diversos miradoiros na Fracha, pero todo vai depender das condicións meteorolóxicas ou incluso dos tempos que marque a pandemia.
O concelleiro de Montes de Pontevedra, Alberto Oubiña, explicaba que se trata dun bikepark urbano, é dicir, un circuíto de descenso de bicicletas, que se deseñará en terreos da Comunidade de Montes de Marcón.
O obxectivo deste circuíto é poder aproveitar todas as posibilidades de desfrute do monte, en paralelo ao proxecto de recuperación deste espazo que está levando a cabo o Concello de Pontevedra.
Na presentación do proxecto, este martes, o concelleiro de Montes estivo acompañado por dous membros do colectivo ciclista de Pontevedra, Manolo Torres e David Amor, no que se encadran diversos clubs e amantes do deporte da bicicleta nos espazos naturais e que foron os que propuxeron ao Concello esta opción.
Neste sentido, Alberto Oubiña lembraba que a intervención nesta contorna natural vai ser mínima, para habilitar peraltes, cambios de sentido e descensos de entre 700 e 1.400 metros, e descensos negativos que oscilarán entre os 70 e os 90 metros. Procederase a unha roza e retirada de obstáculos nunha ladeira. Para o remonte, ou subida dos ciclistas, aproveitaranse as pistas xa existentes e que foron pavimentadas pola Comunidade de Montes de Marcón.
O circuíto contará con tres percorridos de diferente nivel de dificultade: amarela, laranxa e vermella.
Por parte do colectivo ciclista, David Amor explicaba que é un fito este proxecto, "pioneiro e único en España que haxa unha instalación destas características tan próxima á cidade", ademais dunha aposta polo rural, no que el mesmo reside e que con este proxecto se pon en valor.
PROXECTO INTEGRAL NOS MONTES DE PONTEVEDRA
Esta actuación encádrase na estratexia do Concello de Pontevedra de recuperación dos montes de Pontevedra. Neste sentido, Oubiña lembraba o avanzado que se atopa o proxecto de plantación de oliveiras dunha especie autóctona no Parque Forestal da Tomba así como a replantación de diverso arborado no Parque Forestal da Fracha.
A esas accións súmase estoutra liña de traballo que é desfrutar dos espazos forestais para o lecer ou o deporte, como é o caso deste parque ciclista urbano da Fracha ou o miradoiro da Canicouva, ao que o concelleiro convidaba a visitar para poder desfrutar da vista das dúas rías. "Cando os montes son espazos para o lecer, o deporte, o paseo ou realízanse traballos neles, sabemos que se evitan os incendios forestais", concluía o concelleiro de Montes.
Relacionadas:
-
A Fracha inaugura este domingo o seu circuíto para disciplinas gravity de BTT
Por Redacción |
-
A veciñanza do Cacheiro, na Canicouva, estrea centro social
Por Redacción |
-
Os tres parques forestais de Pontevedra contarán cun mantemento sistematizado
Por Redacción |
-
O parque forestal da Fracha estará habilitado en abril
Por Redacción |
-
O colexio A Xunqueira 2 estrea un aparcamento para bicicletas que xa pediron outros seis centros
Por Manu Otero |
-
Plantación de oliveiras na Tomba para obter aceite 'made in' Pontevedra
Por Redacción |
-
O parque forestal da Fracha estará acondicionado antes do próximo verán
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra reúne nunha guía todos os roteiros e espazos verdes da cidade
Por Manu Otero |
-
Elsamex acondicionará o parque forestal da Fracha, o máis grande que terá Pontevedra
Por Alejandro Espiño |